Ezequiel 28
28
Contra o príncipe de Tiro: 1. Oráculo de castigo
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, dille ó príncipe de Tiro:
Así fala o meu Señor, Iavé:
Dado que se ensoberbeceu o teu corazón
e pensaches: "Son un deus,
estou sentado nun trono de deuses
no corazón do mar",
sendo ti un home, non un deus;
aínda que ti pensaches que tiñas unha sabedoría
coma a dos deuses.
3Seica ti es máis sabio ca Daniel e
ningún misterio se che resiste!
4Coa túa habilidade e coa túa agudeza
conseguiches ouro e prata entre os teus tesouros.
5Con aguda habilidade nos teus tratos
aumentaches a túa fortuna,
e coa riqueza o teu corazón volveuse orgulloso.
6Por isto así fala o meu Señor, Iavé:
—Porque consideraches a túa sabedoría
coma a sabedoría dun deus,
7por isto, velaí que eu vou traer contra ti
os bárbaros, os máis tiranos dos pobos;
desenfundarán as súas espadas contra a túa preciosa sabedoría
e acoitelarán o teu esplendor.
8Farante baixar ó Abismo, e no corazón do mar
morrerás coa morte do acoitelado.
9Aínda te atreverás a dicir: "Eu son un deus"
na presenza dos que te van matar?
Pois ti es un home, non un deus,
nas mans dos que te van acoitelar.
10Nas mans dos bárbaros morrerás coa morte dos castrados,
pois eu son quen falei,
—oráculo do Señor—.
2. Elexía
11Veume a palabra do Señor nestes termos:
12—Fillo de Adam, entoa unha elexía sobre o rei de Tiro:
Así fala o meu Señor, Iavé:
—Ti es a serpente da perfección,
cheo de sabedoría, e perfecto en fermosura;
13ti vives no Edén, o xardín de Deus,
toda sorte de pedras preciosas son o teu valo:
cornalina, topacio, augamariña,
crisólito, berilo e ónix;
zafiro, rubí e esmeralda,
e o ouro que hai en ti é por causa da túa fermosura,
e do teu esplendor; foi preparado para ti
o día que fuches creado.
14Ti eras un querubín coas ás estendidas,
púxente de gardián, estabas no monte santo dos deuses,
e movíaste por entre carbóns ardendo.
15Ti eras perfecto polo teu comportamento,
desde o día en que fuches creado
ata o día no que se atopou en ti a iniquidade.
16Coa abundancia do teu comercio íaste enchendo
por dentro de violencia e pecados,
por isto eu destituínte da categoría sacra,
lonxe da montaña de Deus,
e elimineite a ti, querubín protector,
de entre os carbóns acendidos.
17O teu corazón ensoberbeceuse por mor da túa fermosura,
e ti destruíches a sabedoría
a causa do teu esplendor;
eu boteite no Xeol e púxente diante dos reis
para que te contemplasen.
18Coa multitude das túas iniquidades
e a inxustiza do teu comercio
profanaches o teu santuario;
por isto farei saír lume do medio de ti,
que te devorará, e convertereite en cinsa,
sobre a terra, na presenza de todos os que miren.
19Todos os teus amigos entre as nacións
estarán horrorizados por causa túa;
ti serás algo horrible,
e nunca máis volverás existir.
Oráculo de castigo contra Sidón
20Veume a palabra do Señor nestes termos:
21—Fillo de Adam, dirixe a túa ollada cara a Sidón e profetiza contra ela:
22Así fala o meu Señor, Iavé:
—Velaquí, eu estou contra ti, Sidón,
e vou ser glorificado dentro de ti.
Entón recoñecerán que eu son o Señor,
cando execute nela a sentencia
e mostre nela a miña santidade.
23Mandarei contra ela a peste
e o sangue ás súas rúas;
caerá o asasino sobre ela,
coa espada subirá a Sidón de todo o arredor.
Entón recoñecerán que eu son o Señor.
24E xa non volverá haber para os da Casa de Israel
espiño que se crava nin aguillón que fura
de parte de todos os veciños que os desprezan.
Entón recoñecerán que eu son o Señor, Deus.
Restauración de Israel e castigo contra os seus veciños
25Así fala o meu Señor, Iavé:
—Cando eu reúna a Casa de Israel
de entre os pobos onde están esparexidos,
mostrarei a miña santidade neles á vista de todos os pobos
e asentarán na terra que eu lle dei ó meu servo, Xacob.
26Asentarán nela con tranquilidade,
construirán casas e plantarán viñas
e vivirán na tranquilidade,
cando eu execute as sentencias
contra todos os que ó seu arredor os desprezan.
Entón recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus.
Currently Selected:
Ezequiel 28: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT