Qohélet (Eclesiastés) 8
8
IX. Inseguridade e inquedanza
1Quen é coma o Sabio? Quen é capaz de interpretar un feito?
"A Sabedoría dun home bríllalle no rostro, e trócalle a dureza da face".
2Ti cumpre a orde do rei e non te precipites no tocante ó xuramento a Deus.
3Sae da súa presenza, non quedes, se estás nunha mala situación, pois pode facer todo canto quere.
4Porque: "A palabra do rei é poderosa e quen lle vai dicir: Que fas ti alí?".
5"Quen cumpre co mandado, non sufrirá nada malo" e: "Do momento oportuno e do xuízo, sabe o corazón sabio".
6Xa que todo asunto ten o seu tempo e a súa razón, e sobre o home penden moitos males; 7non coñece o que lle pode acaecer, e quen o vai informar do que está por vir?
8Non hai home que poida controlar o espírito, como non hai control do día da morte, nin evasión da loita, nin riqueza que deixe libre ó seu dono.
9Todo isto considerei prestando atención a canto se fai baixo o sol durante o tempo en que un home domina sobre outro para mal.
X. O problema da retribución
10Deste modo vin eu levar para a cova ós impíos. E vaise con eles, e vóltase do camposanto. E esquécese na vila o que fixeron.
Tampouco isto non ten xeito!
11E se a sentencia por un mal proceder non se executa de seguido, os homes collen folgos para facer o mal; 12con todo, aínda que é verdade que o pecador que fai o mal cen veces, é tolerado, ben sei eu aquilo de: "Os que temen a Deus terán a felicidade xustamente por temelo"; 13e tamén: "Non lle irá ben ó impío; igual cá sombra non prolongará os seus días, porque non teme a Deus".
14Aínda hai outra cousa absurda na terra: Xustos ós que lles vai coma se obrasen coma impíos; impíos ós que lles vai coma se fixesen igual cós xustos. Eu penso que tamén isto é un absurdo.
15Eu aprobo a ledicia, pois non hai cousa mellor para o home baixo o sol que comer e beber e gozarse. Isto é o que o acompaña no seu esforzo os días de vida que Deus lle dea baixo o sol.
XI. Tampouco os Sabios coñecen o obrar de Deus
16Apliqueime a coñecer a Sabedoría e a considerar o traballo que se realiza na terra: nin de noite nin de día albisca o home o sono cos seus ollos.
17E observei todo o facer de Deus: o home non consegue descubrir a propósito do que se fai baixo o sol; e por máis que o home se esgote en procuralo, non o atopa; e aínda que o Sabio coida que o sabe, non pode dar con el.
Currently Selected:
Qohélet (Eclesiastés) 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT