YouVersion Logo
Search Icon

Deuteronomio 9

9
A conquista, obra do Señor
1Escoita, Israel! Ti vas cruzar hoxe o Xordán para tomares posesión de pobos máis grandes e máis poderosos ca ti, de cidades máis grandes e fortificadas có ceo; 2un pobo grande e de grande estatura son os fillos dos anaquitas, ós que ti non coñecías, aínda que ti mesmo oíches: Quen poderá resistir ante os fillos de Anac? 3Pero hoxe vas recoñecer que o Señor, o teu Deus, é quen pasa diante de ti coma lume devorador, El é quen os vai destruír, El é quen os vai subxugar na túa presenza, mentres ti vas tomar posesión deles e os vas facer desaparecer nun instante, tal como cho dixo o Señor.
4Cando o Señor, o teu Deus, os bote da túa presenza, non digas para os teus adentros: Por mor da miña xustiza foi polo que o Señor me fixo entrar a tomar posesión deste país, pois é pola iniquidade destes pobos polo que o Señor os desposúe do país que está na túa presenza. 5Non é pola túa xustiza nin pola rectitude das túas intencións polo que ti vas entrar a tomar posesión do seu país. Certo que é pola iniquidade destes pobos, polo que o Señor, o teu Deus, os vai despoxar do país que está na túa presenza, para así manter a promesa que o Señor lles fixo con xuramento a Abraham, a Isaac e a Xacob. 6Recoñece que non é pola túa xustiza polo que o Señor, o teu Deus, che entrega este bo país, para o tomares en posesión, pois ti es un pobo de cabeza dura.
Un pobo teimudo
a) O becerro de metal fundido
7Recorda, non te esquezas de que enfadaches o Señor, o teu Deus, no deserto; desde o día en que saíches do país de Exipto ata a vosa chegada a este lugar, estivestes rebelándovos contra o Señor. 8No Horeb enfadastes o Señor, e o Señor anoxouse contra vós ata querer destruírvos.
9Cando eu subín á montaña para recoller as lousas de pedra, as táboas da Alianza, que o Señor pactara convosco, quedei na montaña corenta días e corenta noites, sen comer pan e sen beber auga. 10Entón o Señor entregoume as dúas lousas de pedra, escritas co dedo índice de Deus, e sobre elas había certamente todos os mandamentos que o Señor vos dera na montaña, desde o medio do lume, o día da asemblea. 11Foi ao cabo de corenta días e de corenta noites, cando o Señor me entregou as dúas lousas de pedra, as táboas da Alianza.
12Entón díxome o Señor: Levántate e baixa rápido de aquí, que se corrompeu o teu pobo, o que ti sacaches de Exipto. Ben axiña se apartaron do camiño que eu lles mandei. Fixeron para eles un ídolo de fundición. 13Logo díxome o Señor: Estou ollando para este pobo, e velaí que é un pobo de dura cerviz. 14Déixame, vounos destruír, e borrar o seu nome de debaixo do ceo, mentres que a ti te vou converter nun pobo máis poderoso e máis numeroso ca eles.
15Entón dei a volta e baixei da montaña coas dúas táboas da Alianza nas miñas mans, mentres a montaña estaba ardendo en labarada. 16Ollei, e velaí que pecarades contra o Señor, voso Deus. Fixerades un becerro de metal fundido. Ben axiña vos apartarades do camiño que vos tiña mandado o Señor. 17Entón collín as dúas lousas, tireinas das miñas mans e esnaquiceinas diante dos vosos ollos.
18Logo prostreime no chan diante do Señor, tal e como o fixera a primeira vez, durante corenta días e corenta noites, sen comer pan nin beber auga, por culpa de todos os pecados que acababades de cometer, facendo o que está mal ós ollos do Señor, ata ofendelo. 19Certo que lle tiña medo á ira e á carraxe con que estaba enfadado o Señor contra vós, a tal punto que vos quería destruír; pero o Señor tamén esta vez me escoitou. 20Tamén estaba o Señor tan enfadado contra Aharón, que o quería matar, mais eu tamén recei por Aharón daquela. 21Logo collín o pecado que fixerades, o becerro, queimeino no lume, e esnaquiceino, triturándoo ben ata que quedou moído coma o po, e botei o seu po ao regueiro que baixa da montaña.
b) Outros pecados no deserto
22Logo seguistes enfadando ao Señor en Taberah, en Masah e en Quibrot Hatavah. 23E cando o Señor vos mandou saír de Cadex Barnea, dicíndovos: Subide e tomade posesión da terra que eu vos entreguei, vós rebelástesvos contra a orde da boca do Señor, voso Deus; non vos fiastes del nin lle fixestes caso á súa voz. 24Desde o día en que vos coñecín, vindes sendo rebeldes co Señor.
25Entón prostreime no chan diante do Señor corenta días e corenta noites, igual que me prostrara antes, pois o Señor falara de vos destruír, 26e receille ao Señor, dicindo: Meu Señor, Deus, non destrúas o teu pobo e a túa herdanza, a que ti redimiches, coa túa grandeza, a que ti fixeches saír de Exipto coa túa forte man. 27Lémbrate dos teus servos: de Abraham, de Isaac e de Xacob; non olles para a obstinación deste pobo, nin para a súa ruindade, nin para o seu pecado, 28senón hase dicir: O Señor non foi capaz de traelos á terra de onde os sacara e que lles prometera, senón que polo odio que lles ten, fíxoos saír, para os facer morrer no deserto. 29Pero eles son o teu pobo e a túa herdanza, que fixeches saír co teu grande poder e co teu brazo estendido.

Currently Selected:

Deuteronomio 9: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in