Deuteronomio 8
8
Clarificación da teoloxía dos mandamentos coas tradicións do deserto
1Todo mandamento, que eu che mande hoxe, terás coidado de o cumprires, para que vivades felices, vos multipliquedes e entredes a tomar en posesión a terra que o Señor prometeu con xuramento ós vosos pais. 2Has de te lembrar do camiño polo que o Señor, o teu Deus, te fixo camiñar polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e saber o que hai nas túas intencións: se ti querías gardar os seus mandamentos, ou non. 3El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de comer o maná, que nin coñecías ti nin coñecían teus pais, co fin de che dar a coñecer que non soamente do pan vive feliz o home, senón que o home vive feliz con todo o que sae da boca do Señor. 4O teu mantón non se gastou sobre ti nin os teus pés che incharon durante estes corenta anos, 5A fin de que ti recoñezas, meditándoo para os teus adentros, que o mesmo que calquera castiga ao seu fillo, así o Señor, o teu Deus, te está castigando. 6Has de gardar os mandamentos do Señor, o teu Deus, para seguires a súa moral e para lle mostrares o teu respecto.
7Olla que o Señor, o teu Deus, te vai levar a un país bo, terra de regueiros de auga, de fontes e lagos que saen das veigas e das montañas; 8terra de trigo e de cebada, de viñas, de figueiras e de granadas, terra de aceite e de mel; 9terra, onde non has comer o pan con mesquindade, onde nada che faltará; terra que ten as pedras de ferro, e con montañas nas que picarás cobre. 10Entón ti comerás ata fartarte e bendicirás o Señor, o teu Deus, polo bo país que che deu.
11Gárdate ben de esquecer o Señor, o teu Deus, non gardando os mandamentos e os decretos e preceptos que eu che estou mandando hoxe. 12Non sexa que cando comas e te fartes e constrúas boas casas, 13e cando se multiplique o teu gando e os teus rabaños, o ouro e a prata se che multiplique, e todo o teu se che multiplique, e 14se che xacta o teu corazón e te esquezas do Señor, o teu Deus, que foi quen te sacou do país de Exipto, da casa da escravitude; 15foi quen te fixo camiñar polo deserto grande e terrible, por culpa das serpentes de mordedura queimante, dos escorpións e da sequidade (pois non había auga); foi El quen fixo saír para ti auga da pedra de granito; 16foi El quen che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían, co fin de te aflixir e pórte a proba, para logo facerche ben no teu futuro.
17Non sexa que vaias dicir para os teus adentros: Foi a miña forza e o poder dos meus puños o que me produciu esta prosperidade. 18Lémbrate máis ben do Señor, o teu Deus, que El é quen che dá a forza para producires a prosperidade, se mantés en pé a súa alianza, a que lles prometeu con xuramento a teus pais, o mesmo que fai hoxe.
19Pero, se ti te esqueces do Señor, o teu Deus, e vas tralos deuses alleos, lles dás culto e te prostras diante deles, eu póñovos como testemuñas hoxe de que pereceredes sen remedio. 20O mesmo cós pobos que o Señor fixo perecer na vosa presenza, así pereceredes, se non lle facedes caso á voz do Señor, voso Deus.
Currently Selected:
Deuteronomio 8: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT