Deuteronomio 13
13
1Todas as cousas que eu vos mando, estade atentos e cumprídeas. Non lles engadades nin lles quitedes nada.
Pena de morte para os incitadores á idolatría
2Se xorde no medio de ti un profeta ou un soñador de soños e che presenta un sinal ou un prodixio, 3e se se cumpre o sinal ou o prodixio que che dixo, e logo el di: Camiñemos tralos deuses alleos que non coñecemos e deámoslles culto, 4non lles fagades caso ás palabras de tal profeta ou ao tal soñador de soños; pois o Señor, o voso Deus, estavos pondo á proba, para saber se de verdade amades o Señor, o voso Deus, con todo o voso corazón e con toda a vosa intención. 5Camiñaredes tralo Señor, o voso Deus, respectarédelo a El, gardaredes os seus mandamentos, escoitaredes a súa voz, darédeslle culto a El e apegarédevos a El. 6E o tal profeta ou o tal soñador de soños ha de ser executado, pois predicou a rebelión contra o Señor, o voso Deus, que vos sacou do país de Exipto e que vos rescatou da escravitude; si, quíxote apartar do camiño polo que o Señor, o teu Deus, che mandara camiñar. Dese xeito farás desaparecer do medio de ti a maldade.
7Se teu irmán, fillo de teu pai ou da túa nai, ou o teu fillo ou a túa filla ou a muller que repousa no teu seo ou o teu amigo que é coma a túa vida, te incitan ás agachadas, dicíndoche: Vaiamos dar culto a deuses alleos, que non coñeciches nin ti nin teus pais 8—trátese dos deuses dos pobos que vos rodean cerca de ti ou dos que están lonxe de ti desde un cabo de terra ao outro cabo da terra—, 9non lle obedezas nin lle fagas caso, nin o teu ollo teña piedade del, nin sintas compaixón, nin o encubras. 10Debes absolutamente matalo: a túa man será a primeira en darlle morte, e a man de todo o pobo seguirá despois: 11Acantázao con pedras e que morra, xa que tratou de te apartar do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da escravitude. 12Así, todo Israel, ao escoitar isto, terá medo e non continuará cometendo no medio de ti maldade semellante a esta.
13Cando nunha das túas cidades, que o Señor, o teu Deus, che concedeu para vivires nela, oias dicir 14que uns homes, fillos de quen non serve para nada, saíron do medio de ti e seduciron os habitantes da súa cidade, dicíndolles: Vaiamos dar culto ós deuses alleos que non coñeciades, 15entón investiga, examina e pregunta con todo coidado. Se resulta que se establece a verdade, de tal feito que esa abominación se cometeu no medio de ti, 16entón bateraslles co fío da espada ós habitantes da tal cidade: entregarala con todo o que hai nela ao exterminio sagrado co fío da espada. 17Xuntarás no medio da praza da cidade todo o seu botín; a cidade e o botín queimaralos totalmente na labarada en ofrenda ao Señor, o teu Deus; e ela ha ser coma un outeiro para sempre, pois non será reedificada. 18Nada do consagrado ao exterminio se che pegará á túa man, para que o Señor cambie o ardor da súa ira e che conceda misericordia e teña compaixón de ti e te multiplique, tal como llelo xurou a teus pais. 19Si, escoita a voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos, que eu che mando hoxe, e facendo o que é recto ós ollos do Señor, o teu Deus.
Currently Selected:
Deuteronomio 13: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT