YouVersion Logo
Search Icon

Deuteronomio 12

12
1Estes son os mandamentos e os decretos que estaredes atentos a cumprir na terra que o Señor, Deus de vosos pais, vos deu en posesión, durante todos os días que vós vivades na terra.
O culto ao Señor: Santuario único
2Destruiredes totalmente todos os santuarios onde os pobos que ides posuír lles daban culto ós seus deuses, no cume das altas montañas e sobre os outeiros e debaixo de toda árbore verde. 3Romperedes os seus altares, esnaquizaredes as súas estelas, queimaredes con lume as representacións de Axerah, quitaredes as imaxes dos seus deuses e faredes desaparecer os seus nomes dese lugar santo.
4No culto ao Señor, o voso Deus, non habedes de facer deste xeito. 5O santuario, que o Señor, voso Deus, escolleu de entre todas as tribos para pór alí o seu nome, ese buscarédelo como a súa morada. Entraredes nel 6para presentardes alí os vosos holocaustos e os vosos sacrificios, os vosos décimos e as ofrendas voluntarias das vosas mans, os vosos sacrificios ofrecidos en promesa e as vosas ofrendas espontáneas, e os primoxénitos do voso gando e dos vosos rabaños. 7Alí habedes de comer na presenza do Señor, o voso Deus, e debedes festexar, vós e a xente das vosas casas, en todas as vosas empresas, unha vez que o Señor, o voso Deus, te bendiga.
8Non habedes de facer tal e coma nosoutros estamos hoxe facendo aquí: cada un fai o que lle parece correcto, 9pois ata agora aínda non entrastes no lugar do descanso nin na herdanza que o Señor, o teu Deus, che vai dar. 10Cruzaredes o Xordán e viviredes no país que o Señor, o voso Deus, vos vai dar en herdanza e onde vos vai facer descansar de todos os vosos inimigos que vos rodean, e así viviredes tranquilos. 11Entón a aquel santuario que escolla o Señor, o voso Deus, para pór nel o seu Nome, levaredes todo o que eu vos mande: os vosos holocaustos e os vosos sacrificios, os vosos décimos e as ofrendas voluntarias da vosa man, e todo o mellor das vosas promesas, que lle fagades ao Señor. 12E faredes festa na presenza do Señor, o voso Deus, vós e mais os vosos fillos e fillas, e os vosos servos e servas, e tamén o levita que viva dentro das portas das vosas cidades, pois non ten parte nin herdanza convosco.
13Gárdate ben de ofrecer o teu holocausto en calquera santuario que vexas, 14senón que no santuario que escolla o Señor nunha das túas tribos, alí ofrecerás o teu holocausto e alí farás todo o que eu che mande.
As comidas de animais e o Santuario único
15Soamente matarás animais por mor do apetito da túa gorxa e comerás carne segundo a bendición que che concedeu o Señor, o teu Deus, dentro das portas de calquera cidade túa. Comerán tanto o que está impuro coma o que está puro, o mesmo que se fose dunha gacela ou dun cervo. 16Soamente non comerás o sangue, senón que o verterás na terra como se fose auga.
17Non che está permitido comer dentro das portas das túas cidades o décimo do teu trigo, nin do teu mosto, nin do teu aceite, nin os primoxénitos do teu gando e do teu rabaño, nin ningunha das túas promesas que ti fagas, nin as túas ofrendas espontáneas, nin as ofrendas voluntarias da túa man. 18Si, has comelas soamente na presenza do Señor, o teu Deus, no lugar que escolla o Señor teu Deus, tanto ti coma o teu fillo e a túa filla, o teu servo e a túa serva e mais o levita que está dentro das portas da túa cidade. Comeredes e faredes festa na presenza do Señor, o teu Deus, por todas as túas empresas. 19Gárdate ben de esquecer o levita durante todos os teus días que vivas na túa terra.
20Cando o Señor, o teu Deus, anchee as túas fronteiras, tal como cho prometeu, e ti digas: Quero comer carne, pois a túa gorxa sente apetito de comer carne, entón poderás comer carne con todo o apetito da túa gorxa. 21Se está lonxe de ti o santuario que o Señor escolla para pór alí o seu Nome, entón mata algo do teu gando e do teu rabaño que o Señor che deu, tal como cho mandei e come dentro das portas da túa cidade con todo o apetito da túa gorxa. 22Si, o mesmo que se come a gacela e mais o cervo, así comerás a carne; o que estea impuro e mais o puro comerana xuntos.
23Mantente moi firme, soamente, en non comer o sangue, pois o sangue é a vida, e non podes comer a vida xunto coa carne. 24Non o comerás senón que o verterás na terra coma se fose auga. 25Non o comerás, para que che vaia ben a ti e a teus fillos despois de ti, pois has de facer o que é correcto ós ollos do Señor.
26Soamente collerás as reses que teñas consagradas e as túas promesas e levaralas ao santuario que escolla o Señor. 27Has de facer os teus holocaustos —carne e sangue— sobre o altar do Señor teu Deus; o sangue do teu sacrificio hase de verter sobre o altar do Señor, o teu Deus, mentres que a carne has comela.
28Garda e fai moito caso de todas estas cousas que eu che mando, para que che vaia ben a ti e a teus fillos despois de ti, para sempre, pois has de facer o que é bo e recto ós ollos do Señor, o teu Deus.
Perigo de asemellar o culto ao Señor co culto ós ídolos
29Cando o Señor, o teu Deus, faga desaparecer da túa presenza os pobos onde ti entras para os desposuír, e cando ti tomes posesión deles e vivas no seu país, 30despois de que eles sexan exterminados da túa presenza, gárdate ben de caer na trampa indo detrás deles, e de consultar os seus deuses, dicindo: Tal e como deron culto estes pobos ós seus deuses, así tamén eu o farei. 31Non fagas así no culto ao Señor, o teu Deus, pois todo iso é abominación para o Señor, porque el odia o que eles fan no culto ós seus deuses, pois mesmo chegan a queimar no lume a seus fillos e a súas fillas en honor ós deuses.

Currently Selected:

Deuteronomio 12: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in