YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 3

3
A estatua de ouro
1O rei Nabucodonosor fixo unha estatua de ouro: a súa altura era de sesenta cóbados, e a súa anchura, seis cóbados. Ergueuna na chaira de Dura, na provincia de Babilonia. 2Despois o rei Nabucodonosor mandou convocar os sátrapas, gobernadores, prefectos, conselleiros, tesoureiros, letrados, maxistrados e xuíces, e todas as autoridades provinciais para que acudisen á inauguración da estatua que erixira o rei Nabucodonosor. 3Reuníronse, pois, os sátrapas, prefectos, gobernadores, conselleiros, tesoureiros, letrados, maxistrados e mais as restantes autoridades provinciais para a inauguración da estatua que erixira o rei Nabucodonosor, e, estando colocados na fronte dela, 4o pregoeiro berrou con voz forte:
A todos os pobos, nacións e linguas, fáisevos saber: 5no momento en que oiades o son do corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e dos restantes instrumentos musicais de toda clase, prostrarédesvos e adoraredes a estatua de ouro que erixiu o rei Nabucodonosor. 6O que non se prostre en adoración, será botado inmediatamente no medio dun forno co lume aceso.
7Con tal motivo, exactamente no momento de oíren tocar o corno, a frauta, a cítola, a lira, o salterio, a zanfona e toda clase de instrumentos musicais, todos os pobos, nacións e linguas prostráronse e adoraron a estatua de ouro que erixira o rei Nabucodonosor.
Os tres mozos hebreos no forno
8Naquel momento presentáronse algúns caldeos para denunciaren ós xudeus. 9Tomaron a palabra e dixéronlle ó rei Nabucodonosor:
Que viva o rei eternamente! 10Ti, rei, ordenaches que todo home, en canto oia o son do corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e das restantes clases de instrumentos musicais, se axeonlle e adore a estatua de ouro; 11e o que non se prostre para adorala será botado nun forno co lume aceso. 12Pois hai uns xudeus, Xadrac, Mixac e Abednegó a quen encargaches da administración da provincia de Babilonia, que nin fan caso de ti, maxestade, nin serven os teus deuses; tampouco adoran a estatua de ouro que ti erixiches.
13Entón Nabucodonosor púxose furioso e mandou traer a Xadrac, Mixac e Abednegó, que foron levados á presenza do monarca. 14Nabucodonosor tomou a palabra e díxolles:
Xadrac, Mixac e Abednegó, é certo que vós non servides os meus deuses nin adorades a estatua de ouro que eu erguín? 15Agora, pois, se estades dispostos ó oírdes o son do corno, da frauta, da cítola, da lira, do salterio, da zanfona e mais dos restantes instrumentos musicais, porédesvos de xeonllos e adoraredes a estatua que eu erixín. Como non a adoredes, seredes botados ó forno co lume aceso; e que deus haberá que vos poida librar das miñas mans?
16En resposta, Xadrac, Mixac e Abednegó, dixéronlle ó rei Nabucodonosor:
Sobre este asunto nós non temos por que che contestar. 17Se o noso Deus, a quen servimos, quere librarnos do forno do lume abrasador e mais das túas mans, hanos salvar, rei. 18E aínda que non o fixese, oh rei, que che conste que nós non serviremos os teus deuses, nin adoraremos a estatua de ouro que erixiches.
19Entón Nabucodonosor, cheo de furia contra Xadrac, Mixac e Abednegó e co aspecto do seu rostro alterado, tomou a palabra e ordenou que se acendese o forno sete veces máis forte do que se acostumaba acender. 20Seguidamente ordenou a algúns dos homes máis fortes do seu exército que atasen a Xadrac, Mixac e Abednegó para os botar ó forno co lume acendido. 21De modo que estes homes foron atados, vestidos cos seus calzóns, túnicas, puchas e demais roupa e botáronos no medio do forno co lume ardente.
22Como a orde do rei era tan severa e o forno estaba tan extraordinariamente aceso, a lapa do lume causoulles a morte ós que meteron a Xadrac, Mixac e Abednegó. 23Entre tanto os tres homes, Xadrac, Mixac e Abednegó caían atados no medio do forno en chamas.
Oración de Azarías (texto grego)
24 Paseaban polo medio das chamas, loando a Deus e bendicindo o Señor. 25Entón Azarías, ergueito no medio do lume, abriu a boca e dixo:
26 "Bendito sexas, Señor, Deus de nosos pais,
loado e glorificado sexa o teu nome por sempre.
27 Pois estás xustificado en todo canto fixeches connosco,
todas as túas obras son verdadeiras,
rectos os teus camiños,
todos os teus xuízos son verdade.
28 Tomaches decisións conforme á verdade
traendo todo isto sobre nós
e sobre a cidade santa de nosos pais, Xerusalén;
si, con verdade e xustiza provocaches todo isto,
por causa dos nosos pecados.
29 Pois pecamos, procedemos mal afastándonos de ti.
Temos cometido toda clase de pecados,
non obedecemos os teus mandamentos,
30 nin os tivemos en conta, nin puxemos en práctica
o que se nos mandaba para o noso ben.
31 Todo canto fixeches que nos sobreviñese,
todo o que fixeches connosco
foi un castigo merecido.
32 Entregáchesnos nas mans dos nosos inimigos,
xente sen lei, pésimos renegados,
e dun rei inxusto, o máis perverso de toda a terra.
33 Agora nós non ousamos abrir a boca;
vergonza e oprobio premen os que te serven e adoran.
34 Por mor do teu nome!,
non nos abandones para sempre,
non rompas a túa Alianza,
35 non afastes de nós a túa misericordia,
por Abraham, o teu benquerido;
por Isaac, o teu servo;
por Israel, o teu santo;
36 A quen prometeras multiplicarlles a súa descendencia
coma as estrelas do ceo
e coma as areas na praia do mar.
37 Por causa dos nosos pecados, Señor,
somos hoxe a máis pequena das nacións,
humillada por toda a terra.
38 Agora xa non temos nin príncipe, nin profeta,
nin xefe, nin holocausto, nin sacrificio,
nin oblación, nin incenso, nin lugar
onde che presentar as primicias e acadar misericordia.
39 Pero que, polo menos, con corazón contrito e espírito humillado
encontremos acollida,
como se fosen holocaustos de carneiros e bois,
de milleiros de años cebados.
40 Ese vai ser hoxe o noso sacrificio ante ti,
para te aplacar plenamente,
porque os que confían en ti non quedan defraudados.
41 Por iso agora seguímoste de todo corazón,
temémoste e buscamos o teu rostro: non nos defraudes,
42 trátanos conforme a túa bondade,
e segundo a túa gran misericordia.
43 Líbranos co teu poder prodixioso
e dá gloria ó teu nome, Señor.
44 Sexan abafados os que maltratan os teus servos,
fiquen avergonzados, véxanse privados de todo poder
e sexa quebrantada a súa forza;
45 saiban eles que Ti es o Señor, o Deus único
e glorioso sobre toda a terra".
46 Os criados do rei que os botaran no forno non paraban de avivar o lume a base de betume, pez, estopa e mais leña miúda. 47A chama sobresaía por enriba do forno corenta e nove cóbados. 48O estenderse abrasou os caldeos que se achaban arredor do forno. 49Pero o anxo do Señor baixou ó forno onda Azarías e os seus compañeiros, afastou as chamas para fóra do forno, 50e introduciu dentro del un vento húmido; de tal xeito que non lles tocou o lume o máis mínimo, nin os mancou, nin tan sequera lles fixo estorbo.
O canto dos tres mozos (texto grego)
51 Entón os tres, ó unísono, loaban, glorificaban e bendicían a Deus no forno, dicindo:
52 "Bendito es Ti, Señor, Deus de nosos pais,
digno de gloria e da meirande loanza polos séculos.
Bendito o teu nome, santo e glorioso,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
53 Bendito es Ti no templo da túa santa gloria,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
54 Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
55 Bendito es Ti que sondas os abismos sentado sobre querubíns,
moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.
56 Bendito es Ti no firmamento do ceo,
loado e cheo de gloria para sempre.
57 Todas as obras do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
58 Anxos do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
59 Ceos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
60 Todas as augas que estades por enriba do ceo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
61 Todos os exércitos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
62 Sol e lúa, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
63 Estrelas do ceo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
64 Toda chuvia e orballo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
65 Todos os ventos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
66 Lume e calor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
67 Friaxe e quentura, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
68 Orballos e nevadas, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
69 Carazo e frío, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
70 Xeadas e neves, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
71 Noites e días, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
72 Luz e tebras, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
73 Lóstregos e nubes, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
74 Bendiga a terra o Señor,
lóeo, exálteo polos séculos.
75 Montes e outeiros, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
76 Todas as plantas da terra, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
77 Fontes, bendicide o Señor,
loádeo, exálteo polos séculos.
78 Mares e ríos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
79 Cetáceos e toda a fauna acuática, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
80 Todas as aves do ceo, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
81 Todos os animais salvaxes e domésticos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
82 Todos os homes, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
83 Israel, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
84 Sacerdotes do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
85 Servos do Señor, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
86 Espíritos e almas dos xustos, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
87 Santos e humildes de corazón, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos.
88 Hananías, Azarías e Mixael, bendicide o Señor,
loádeo, exaltádeo polos séculos:
Porque El nos sacou do abismo,
salvounos do poder da morte,
librounos do forno de chama abrasadora,
arrincounos do medio do lume.
89 Dádelle grazas ó Señor, porque é bo,
porque é eterna a súa misericordia.
90 Todos os que o adorades, bendicide o Deus dos deuses,
loádeo e exaltádeo,
porque é eterna a súa misericordia".
Nabucodonosor recoñece o milagre de Deus
91 O rei Nabucodonosor ficou pasmado e, levantándose a toda présa, preguntoulles ós seus ministros:
Non eran tres os homes que botamos atados ó medio do forno?
Respondéronlle:
Sen dúbida, maxestade.
92 Replicou el:
Pois eu vexo catro homes desatados que pasean polo medio do lume sen sufriren ningún dano, e o aspecto do cuarto semella o dun ser divino.
93 Entón Nabucodonosor aproximouse á boca do forno aceso, tomou a palabra e dixo:
—Xadrac, Mixac e Abednegó, servos do Deus Altísimo, saíde fóra e vinde aquí.
Xadrac, Mixac e Abednegó saíron entón do medio do lume. 94 Estando xuntos os sátrapas, os ministros, os prefectos e mais os conselleiros do rei, observaron a estes homes: o lume non lles producira ningún dano nos seus corpos, nin sequera tiñan chamuscados os pelos da súa cabeza, os pantalóns estaban intactos e nin daban cheiro a queimado.
95 Entón Nabucodonosor dixo:
Bendito sexa o Deus de Xadrac, Mixac e Abednegó, que mandou un anxo a salvar os seus servos, que, confiando nel, desobedeceron o decreto real e entregaron os seus corpos por non serviren nin adoraren outros deuses fóra do seu Deus. 96 Polo que a min toca, eu dispoño que o que blasfeme contra o Deus de Xadrac, Mixac e Abednegó sexa do pobo, nación ou lingua que sexa, será tallado en anacos e a súa casa quedará arrasada, porque non existe outro deus capaz de salvar de tal modo.
97 O rei fixo prosperar a Xadrac, Mixac e Abednegó na provincia de Babilonia.
A visión da árbore
98 O rei Nabucodonosor, a todos os pobos, nacións e linguas que habitan por toda a terra:
"Que a vosa paz sexa grande. 99 Teño o gusto de vos contar os signos e prodixios que fixo comigo o Deus Altísimo.
100 Que grandes son os seus signos,
que poderosos os seus prodixios!
O seu reinado é un reinado eterno,
o seu poder dura de xeración en xeración.

Currently Selected:

Daniel 3: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in