YouVersion Logo
Search Icon

Daniel 2

2
O soño misterioso do rei
1No ano segundo do seu reinado, Nabucodonosor tivo un soño, e o seu espírito quedou tan turbado que non puido continuar a durmir.
2O rei mandou chamar os meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños, para que lle explicasen o soño. Eles viñeron e presentáronse ó monarca. 3Díxolles o rei:
Tiven un soño, e o meu espírito sente desacougo tratando de comprender.
4Respondéronlle os adiviños ó rei, en arameo:
Que viva o rei para sempre! Conta o soño ós teus servidores, que nós che exporemos a súa interpretación.
5Respondeu o rei advertíndolles ós adiviños:
Xa teño a miña decisión tomada! Se non me dicides o soño e mais a súa interpretación, vós seredes cortados en anacos e as vosas casas quedarán reducidas a esterqueiras; 6en troques, se me expoñedes o soño e mais o seu significado, recibiredes de min regalos, agasallos e grandes honores. Polo tanto contádeme o soño e mais a súa interpretación.
7Respondendo eles por segunda vez, dixéronlle:
Que o rei diga o soño ós seus servidores, e nós daremos a interpretación do mesmo.
8Replicou o rei:
Ben vexo que estades a gañar tempo, porque xa sabedes que a miña palabra está dada. 9Pero se non me dades a coñecer o soño, haberá para todos vós unha mesma sentencia. Xuntástesvos para me contar mentiras e falsidades en tanto non mudan os tempos. Así que contádeme o soño e quedarei convencido de que o sabedes interpretar.
10Os adiviños respondéronlle ó rei nestes termos:
Non hai home na terra que poida manifestar o que pide o rei; polo mesmo, endexamais ningún monarca por máis grande e poderoso que el sexa esixe cousa semellante a ningún meigo, astrólogo ou adiviño. 11A cousa que o rei pide é difícil e non existe máis ninguén que llo poida dicir ó rei, a non seren os deuses; pero a súa morada non está entre os mortais.
12Con tal motivo, o rei púxose moi alporizado e ordenou matar a todos os sabios de Babilonia. 13Promulgouse o decreto e os sabios ían ser executados. Tamén andaban á procura de Daniel e mais dos seus compañeiros para os mataren. 14Entón Daniel tivo unha entrevista sabia e asisada con Arioc, xefe da garda real, quen saíra co plan de matar ós sabios de Babilonia. 15Tomou a palabra e díxolle a Arioc, oficial do rei:
Por que un decreto tan severo de parte do rei?
Entón Arioc explicoulle o asunto a Daniel. 16Daniel acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñecer a interpretación.
17Voltou Daniel á súa casa e informou acerca do caso á Hananías, Azarías e Mixael, os seus compañeiros, 18rogándolles que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo e non tivesen que perecer Daniel e mais os seus compañeiros co resto dos sabios de Babilonia.
19O segredo foille revelado a Daniel nunha visión nocturna, polo que Daniel bendiciu o Deus do ceo, 20dicindo:
"Bendito sexa o nome de Deus
polos séculos dos séculos,
pois El ten a sabedoría e mais o poder.
21El é quen fai mudar os tempos e mais as estacións,
depón os reis e entronízaos.
El dá sabedoría ós sabios
e ciencia ós que entenden.
22El é quen revela as cousas profundas e mais as ocultas,
coñece o que está nas tebras,
pois a luz está onda El.
23Lóuvote e douche as grazas, Deus de meus pais,
porque me deches sabedoría e mais forza,
e agora mostráchesme o que che pediramos,
reveláchesme o asunto do rei".
24Despois Daniel foi onda Arioc, a quen o rei encargara o exterminio dos sabios de Babilonia, e díxolle:
Non fagas perecer os sabios de Babilonia! Ti lévame a xunto do rei, que eu lle indicarei a interpretación.
25Arioc introduciu a toda présa a Daniel na presenza do rei, e díxolle:
Achei un home de entre os deportados de Xudá que lle vai indicar a interpretación ó rei.
26O rei tomou a palabra e preguntoulle a Daniel, a quen se lle chamaba Baltasar.
Ti serás capaz de contarme o soño que tiven e mais a súa interpretación?
Explicación do soño
27Daniel respondeu ante o rei:
O segredo que quere saber o rei non son capaces de llo indicar nin os sabios, nin os astrólogos, nin os bruxos, nin os adiviños; 28pero no ceo hai un Deus que revela os segredos e El tivo a ben dar a coñecer ó rei Nabucodonosor canto vai suceder no decorrer dos tempos. O teu soño e mais as visións da túa cabeza que tiveches estando na cama, eran estes: 29Mira, maxestade; as matinacións que acudiron á túa mente no leito versaban sobre canto vai acontecer no futuro, e aquel que revela os segredos deuche a saber o que vai suceder.
30En canto a min, non é que eu teña unha sabedoría maior que todos os viventes, senón que me foi revelado este segredo unicamente coa fin de lle manifestar ó rei a interpretación e, de tal xeito, comprendas as cavilacións da túa mente.
31Ti, rei, estabas vendo, e velaquí, unha estatua grande. A estatua era enorme, e o seu brillo extraordinario; erguíase diante de ti, e o seu aspecto era terrible. 32A cabeza da estatua era de ouro puro; o peito e mais os brazos, de prata; o ventre e mais os cadrís, de bronce; 33As pernas, de ferro; e os pés, parte de ferro e parte de barro. 34Seguías fitándoa, cando se desprendeu unha pedra sen a tocar ninguén, foi bater contra os pés da estatua, que eran de barro e mais de ferro, e esnaquizounos. 35Nun instante volvéronse po o ferro e mais o barro, o bronce, a prata e mais o ouro; tornáronse coma a palla miúda das eiras no verán; o vento arramplou con eles sen deixar rastro. Pola súa banda, a pedra que desfixo a estatua creceu e transformouse nunha montaña tan grande que enchía toda a terra.
36Este foi o soño; agora imos expoñer ante o rei o seu significado: 37ti, maxestade, rei de reis, a quen o Deus do ceo concedeu o imperio, a forza, o poder e mais a maxestade, 38A quen deu poder sobre os homes, onde queira que eles habiten, sobre os animais do campo e as aves do ceo, para que reines sobre todos eles: ti es a cabeza de ouro. 39Despois de ti alzarase outro imperio, inferior ó teu; e, máis adiante, un terceiro imperio que será de bronce e dominará sobre a terra toda. 40Máis tarde haberá un cuarto imperio, forte coma o ferro; do mesmo xeito que o ferro esnaquiza e tritura todo, tamén el ha esnaquizar e triturar a todos os outros.
41Os pés e mais os dedos que viches, de ferro mesturado con barro de oleiro, representan un reino dividido, aínda terá algo da consistencia do ferro, tal como viches o ferro mesturado co barro. 42Conforme eran as dedas dos pés, en parte de ferro e en parte de barro, así, unha parte do imperio será forte e outra parte será fráxil.
43O feito de ver o ferro mesturado co barro quere dicir que se mesturarán as liñaxes, pero sen se fusionaren unha coa outra, como tampouco o ferro se amalgama co barro. 44No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre, 45tal e como viches que se desprendeu a pedra do monte, sen intervención de ningunha man, e esnaquizou o ferro, o bronce, o barro, a prata e mais o ouro.
O Deus grande deu a coñecer ó rei canto vai acontecer no futuro. O soño é verdadeiro e a súa interpretación, digna de creto.
46Entón o rei Nabucodonosor prostrouse rostro en terra e rendeulle homenaxe a Daniel, e mandou que lle ofrecesen sacrificios e mais perfumes. 47O rei dirixiuse a Daniel e díxolle:
Sen dúbida que o voso Deus é o Deus dos deuses e mais o Señor dos reis; El revela os segredos, pois ti fuches capaz de me explicar este segredo.
48Despois o rei ascendeu a Daniel e outorgoulle numerosos e importantes regalos, nomeouno gobernador da provincia de Babilonia e tamén presidente de todos os sabios de Babilonia. 49A petición de Daniel, o rei encargou da administración da provincia de Babilonia a Xadrac, Mixac e Abednegó. Daniel permaneceu na corte real.

Currently Selected:

Daniel 2: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in