YouVersion Logo
Search Icon

Baruc 1

1
Introdución
1Este é o texto do libro que Baruc, fillo de Nerías, fillo de Maseías, fillo de Sedecías, fillo de Asadías, fillo de Hilquías, escribiu en Babilonia, 2no ano quinto, o sete do mes, na época en que os caldeos tomaron Xerusalén e lle prenderon lume.
3Baruc leu o texto deste libro ante Ieconías, fillo de Ioaquim, rei de Xudá e ante todo o pobo que viñera escoitar o libro; 4e ante as autoridades, os fillos dos reis, e os anciáns; ante todo o pobo, desde o máis pequeno ata o máis grande, e ante todos os que habitaban en Babilonia xunto ó río Sur. 5Todos choraban, xaxuaban e rezaban diante do Señor.
6Despois xuntaron diñeiro segundo lles permitían os haberes de cadaquén, 7e mandáronlle a Xerusalén, a Ioaquim, fillo de Hilquías, fillo de Xalum, e ós sacerdotes e a todo o pobo que con el se atopaba en Xerusalén. 8(Porque Baruc collera os utensilios do templo do Señor, que foran levados do santuario, para devolvelos ó país de Xudá, no día dez do mes de Siván; eran os utensilios de prata que fixera Sedecías, fillo de Ioxías, rei de Xudá, 9despois de que Nabucodonosor, rei de Babilonia, deportou de Xerusalén a Ieconías e o levou a Babilonia, xunto cos xefes, os cativos, as autoridades e o pobo do país).
10Díxolles:
—Ollade que vos mandamos diñeiro, a fin de que compredes con el vítimas para os holocaustos e os sacrificios expiatorios, e tamén incenso, e para que fagades a ofrenda, presentando os sacrificios sobre o altar do Señor, noso Deus. 11Rezade tamén pola vida de Nabucodonosor, rei de Babilonia e pola de Baltasar, seu fillo, a fin de que os seus días sexan coma os do ceo sobre a terra. 12Entón o Señor daranos forza e iluminará os nosos ollos e viviremos felices á sombra de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e á sombra de Baltasar, o seu fillo, e servirémolos durante moitos anos, alcanzando favor diante deles. 13Habedes rezar tamén por nós ante o Señor, noso Deus, porque fixemos pecados contra o Señor, noso Deus, e ata o día de hoxe o furor e mais a ira do Señor non se apartaron de nós. 14Habedes de ler este libro que vos mandamos para que o leades en público no templo do Señor, o día da festa e os días xa marcados. 15Diredes:
Oración penitencial:
A) Confesión dos pecados
O Señor, noso Deus, perténcelle a xustiza, pero a nós perténcenos a vergonza das nosas caras, como lles pasa hoxe ós homes de Xudá e ós habitantes de Xerusalén, 16ós nosos reis e ós nosos xefes, ós nosos sacerdotes e ós nosos profetas, e ós nosos pais. 17Porque pecamos contra o Señor, 18fómoslle infieis e non fixemos caso á orde do Señor, noso Deus, de nos comportarmos segundo os mandamentos que o Señor puxo na nosa presenza. 19Desde o día no que o Señor sacou os nosos pais do país de Exipto ata o día de hoxe, fomos infieis ó Señor, noso Deus, e seguimos o noso capricho, sen facer caso das súas ordes. 20Por isto, tal coma hoxe acontece, perseguíronnos as desgrazas, os males e a maldición que o Señor lle prediciu ó seu servo Moisés, na época en que sacou os nosos pais do país de Exipto para nos dar unha terra que deita leite e mel. 21Tampouco lle fixemos caso á voz do Señor, noso Deus, de acordo con todas as mensaxes dos profetas que El nos mandou, 22senón que cada un de nós se comportaba conforme ó capricho do seu ruín corazón, dándolles culto a deuses alleos, facendo así o mal ós ollos do Señor, noso Deus.

Currently Selected:

Baruc 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in