Amós 9
9
1Vin o meu Señor en pé sobre o altar, que batía nos capiteis
facendo tremer os gonzos, e dixo:
"Vou quebrar as cabezas de todos eles
e o resto vouno atravesar coa espada;
non haberá de entre eles fuxitivo que fuxa
nin escapado que escape.
2Anque furen deica o Xeol,
de alí quitaraos a miña man;
aínda que suban deica o ceo,
de alí fareinos baixar;
3Aínda que entoben no cumio do Carmelo,
alí os descubrirei e os pillarei;
aínda que se agachen da miña ollada no fondo do mar,
alí mandarei a serpente que os morda;
4Aínda que saian deportados diante dos seus inimigos
darei orde á espada de que os fenda;
pois vou pousar os meus ollos sobre eles
para desfeita, non para ben".
5Pois o meu Señor é Iavé dos Exércitos
que se El toca a terra, esta derrétese
e fan loito cantos nela moran,
xa que se ergue toda coma o Nilo
e mirra coma a corrente de Exipto,
6que edificou no ceo o seu solio
asentando na terra a bóveda celeste,
que chama as augas do mar
e as esparexe sobre a superficie da terra:
Iavé é o seu nome.
7"Non sodes acaso vós para min coma cuxitas,
fillos de Israel? —oráculo de Iavé—.
Non fixen eu subir a Israel do país de Exipto
coma ós filisteos de Kaftor
e a Aram de Quir?"
8Velaquí os ollos do meu Señor Iavé que se volven contra o reino pecador:
"Vouno exterminar de sobre a face da terra,
mais non quero aniquilar o casal de Xacob"
—oráculo de Iavé—.
9Velaquí: dou orde de abalar de entre todos os pobos o casal de Israel
como se abala a peneira, sen que caia ó chan unha pedriña.
10Pola espada van perecer todos os pecadores do meu pobo, os que din: "Non nos atinxirá, non chegará ata nós a desfeita".
11Naquel día erguerei a tenda derrubada de David,
repararei as súas fendas, restaurarei as ruínas
e reconstruireina coma nos tempos antigos,
12para que se apropien do resto de Edom
e de todos os pobos sobre os que se proclamou o meu nome,
—oráculo de Iavé que fai tales cousas—.
13Velaquí veñen os días —oráculo de Iavé—
nos que o arador enlazará co segador
e o que pisa a uva con quen sementa,
e os montes destilarán mosto
e todos os outeiros se derreterán.
14Daquela repatriarei ó meu pobo Israel,
reconstruirán as vilas devastadas e habitaranas,
plantarán vides e beberanlles o viño,
traballarán leiras e comeranlles os froitos:
15vounos eu plantar no seu terreo
para nunca máis seren arrincados da súa terra,
a que eu lles dera:
dixo Iavé, o teu Deus.
Currently Selected:
Amós 9: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT