YouVersion Logo
Search Icon

Amós 8

8
1Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé:
velaquí unha canastra de froitos madurecidos;
2e preguntoume: "Que ves ti, Amós?"
Eu respondinlle: "Unha canastra de froitos madurecidos".
Entón díxome Iavé:
"Madureceu a fin do meu pobo Israel,
xa non lle vou pasar máis por alto".
3Naquel día laiaranse as cantantes do pazo,
—oráculo do meu Señor —Iavé—
amorearanse os cadáveres que esparexerán por todos os lugares ás caladas.
4Escoitade isto, vós que asoballades o pobre
e exterminades a xente humilde do país;
5vós que dicides:
"cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo
e o sábado para fornecer o gran
traficando ata co salvado,
para minguar a medida,
aumentar o prezo
e defraudar con balanza falsa,
6para mercarmos por diñeiro o mendigo
e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"
7Xura Iavé pola soberbia de Xacob:
"Endexamais non esquecerei os seus delitos.
8Non haberá de tremer a terra por isto
e levar loito cantos nela moran?
Hase erguer toda coma o Nilo,
ha tremer e mirrar coma a corrente de Exipto!
9Sucederá naquel día —oráculo do meu Señor Iavé—,
farei que o sol se poña ó mediodía
e entebrecerei o país en pleno día,
10trocarei as vosas festas en loito;
todas as vosas cántigas en laios;
cinguirei todos os lombos de saco,
deixarei toda cabeza rapada,
vouno dispor coma o pranto polo vinculeiro
e o remate vai ser coma o dun día amargado.
11Velaquí chegan os días —oráculo do meu Señor —Iavé—
nos que vou mandar a fame ó país;
non fame de pan nin sede de auga,
senón de escoitar a palabra de Iavé.
12Vagarán de mar a mar,
andarán do norte ó leste
á procura da palabra de Iavé
e non a atoparán".
13Naquel día esmorecerán de sede
as rapazas belidas e mais os mozos,
14os que facían xuramento polo delito de Samaría
dicindo: "Por vida do teu Deus, Dan",
e "por vida da verea de Beerxeba";
caerán, e xa non se han erguer máis.

Currently Selected:

Amós 8: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in