Amós 6
6
1"Malia os que viven no lecer en Sión,
os despreocupados no monte de Samaría,
a elite das primicias das nacións
ós que acode a xente de Israel!
2Ide ata Calno e ollade,
de alí pasade ó Gran Hamat,
baixade despois a Gat dos filisteos.
Valedes vós máis ca eses reinos?
É meirande o voso territorio?
3Intentan arredar o día funesto
favorecendo o dominio da violencia,
4déitanse en leitos de marfil,
vaguean nas súas camas,
xantando os carneiros do rabaño
e os xatos sacados da corte.
5Cantarexan ó son da arpa
e, coma novos David, inventan instrumentos.
6Beben viño nas grandes copas
e únxense coa esencia dos perfumes,
mais a desfeita de Xosé non os deprime.
7Por iso agora van partir para o exilio
á cabeza dos deportados,
pois rematou a esmorga dos nugalláns".
—Oráculo de Iavé, Deus dos Exércitos—.
8Xurou o Señor Iavé por si mesmo:
"Dáme noxo a prepotencia de Xacob,
aborrezo os seus pazos e vou entregar a cidade e canto a enche";
9e se nunha casa quedan dez homes, morrerán tamén;
10e cando alguén leve un parente ou achegado para sacar da casa os ósos, diralle a quen anda polo recuncho da peza: "Quédache aínda alguén?"; e responderalle "Ninguén". Entón aquel dirá: "Cala!" (pois non se debe mencionar o nome de Iavé).
11Porque velaquí o que Iavé ten decretado: Reducirá a casa grande a entullo e a casa pequena a faragullas.
12Galopan os cabalos polos penedos
ou árase con bois o mar?
Pois vós trocades o dereito en pezoña
e o froito da xustiza en asentes.
13Os que se alegran por Lo Debar e din: "Non conquistamos Carnaim coas nosas forzas?"
14"Velaquí, vou facer xurdir contra vós, casal de Israel
—Oráculo de Iavé, Deus dos Exércitos—,
un pobo que vos asoballe desde Lebó-Hamat ata o torrente do Arabah".
Currently Selected:
Amós 6: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT