Amós 5
5
1Escoitade esta palabra, este pranto que eu entoo contra vós, casal de Israel:
2Caeu, non rexurdirá, a doncela de Israel,
tirada polo seu propio chan, non haberá quen a erga;
3pois así di o Señor Iavé:
"Vila que recrutou un milleiro, recupera cen,
e a que recrutou cen, recupera dez";
4pois así di Iavé ó casal de Israel:
"Buscádeme e viviredes".
5Non busquedes a Betel,
non vaiades a Guilgal,
non vos acheguedes a Beerxeba,
pois Guilgal ha de ir deportada
e Betel quedará en nada.
6Procurade a Iavé e viviredes, non vaia dar o lume no casal de Xosé e o engulipe e ninguén o apague por causa de Betel.
7Ai dos que trocan o dereito en asentes
e botan polo chan a xustiza!
8Foi El quen fixo as Pléiadas e o Orión,
quen muda as tebras en abrente
e escurece o día en noite,
quen convoca as augas do mar
e as verte sobre a superficie da terra:
Iavé é o seu nome.
9Quen dispón a desfeita contra o forte,
chegando o saqueo ata a cidadela.
10Odian ó fiscal no tribunal,
rexeitan a quen dá testemuño cumprido,
11por iso:
Xa que esmagades os foros do pobre
e lle esixides tributos de trigo,
se construístes pazos de perpiaño
non os habitaredes,
se plantastes viñas farturentas
non beberedes do seu viño.
12Ben sei eu dos vosos innumerables delitos
e dos vosos enormes pecados,
asoballades o honrado,
aceptades de suborno
que torcedes o dereito do pobre no tribunal.
13Por iso o asisado cala neste tempo
pois é un tempo cativo.
14Buscade o ben e non o mal de xeito que vivades
e Iavé, o Deus dos Exércitos, quedará convosco,
segundo dicides.
15Rexeitade o mal, amade o ben,
que impere o dereito nos tribunais;
quizais se considere, Iavé, Deus dos Exércitos,
do resto de Xosé.
16Por iso así di Iavé, Deus dos Exércitos, o Señor:
"En todas as prazas, loito,
en todas as rúas berran: Ai, ai!
Chaman ó xornaleiro para o laio
e para o pranto ás carpideiras
17e en todas as viñas haberá loito
cando eu pase por medio de ti":
dixo Iavé.
18Ai daqueles que devecen polo día de Iavé!
Que vai significar para vós o día de Iavé?
Vai ser tebra; non vai ser luz.
19Vai ser coma cando foxe un do león
e vai dar co oso;
logra aínda chegar á casa,
apoia a man na parede,
e mórdeo a cóbrega.
20Non vai ser acaso tebra o día de Iavé e non luz?
Abofé que o seu é a escuridade e non a claridade!
21"Aborrezo e rexeito as vosas festas,
non soporto o cheiro das vosas liturxias
22(se non é cando me ofrendades holocaustos)
as vosas oblacións non me alegran,
o banquete sacrificial dos vosos xatos nin o vexo.
23Arreda de min a charanga dos teus cantos!
Non estou para escoitar músicas das túas arpas.
24O dereito é o que ten que fluír coma auga
e a xustiza coma manancial perenne.
25Acaso ofrecestes sacrificios e ofrendas
no deserto durante os corenta anos, casal de Israel?
26Levabades daquela a Sicut o voso rei
e a Kiiún, imaxes vosas, a estrela dos vosos deuses,
fabricados por vós mesmos?
27Eu si, eu vouvos levar deportados alén de Damasco",
dixo Iavé, que ten por nome Deus dos Exércitos.
Currently Selected:
Amós 5: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT