Feitos 9
9
Conversión de Saulo
1Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, presentouse ó Sumo Sacerdote 2e pediulle cartas para as sinagogas de Damasco, a fin de que, se encontraba algúns que fosen deste novo camiño, tanto homes coma mulleres, os puidese levar presos a Xerusalén.
3De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. 4Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía:
—Xaúl, Xaúl, por que me persegues?
5El preguntou:
Quen es ti, Señor?
Contestoulle:
Eu son Xesús a quen ti persegues. 6Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer.
7Os compañeiros de viaxe quedaron parados, abraiados: sentían a voz, mais non vían ninguén. 8Saulo ergueuse do chan, pero, malia ter os ollos abertos, non vía nadiña. Levárono pola man, introducírono en Damasco. 9Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber.
10Había en Damasco un discípulo, chamado Ananías, e o Señor díxolle nunha visión:
Ananías!
El respondeu:
Aquí estou, Señor.
O Señor volveulle falar:
11Vai á rúa Dereita, e procura na casa de Xudas a un home chamado Saulo de Tarso, que está orando. 12(En visión, viu Saulo a un home chamado Ananías entrar e impoñerlle as mans para que recobrase a vista).
13Ananías respondeu:
Señor, teño oído falar moito dese home e do mal que lles ten feito ós teus santos en Xerusalén. 14E aquí ten poderes dos xefes dos sacerdotes, para prender a todos os que invocan o teu nome.
15Pero o Señor díxolle:
Vai, que ese home é un instrumento escollido por min, para levar o meu nome diante dos pagáns, dos seus reis e mais dos israelitas. 16Heille mostrar o que ten que sufrir polo meu nome!
17Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle:
Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recobres a vista e te enchas do Espírito Santo.
18No instante, caéronlle dos ollos como unhas escamas e recuperou a vista; ergueuse, e bautizouse. 19Despois comeu e volvéronlle as forzas.
Saulo en Damasco
Pasou algúns días cos discípulos de Damasco, 20e axiña comezou a predicar a Xesús nas sinagogas, proclamando que era o Fillo de Deus. 21Todos os que o sentían ficaban pasmados e dicían: "Pero non é este o que en Xerusalén fixo estragos entre os que invocan ese Nome, e viñera aquí para os levar presos diante dos sumos sacerdotes?". 22Pero Saulo con máis ánimos confundía ós xudeus de Damasco, demostrando que Xesús era o Mesías.
23Logo de bastantes días, os xudeus ordenaron de o matar, 24mais Saulo chegou a saber o que andaban argallando. Día e noite vixiaban as portas da cidade, para lle daren morte. 25Pero algúns dos seus discípulos collérono de noite e descolgárono pola muralla metido nun cesto.
Saulo en Xerusalén e en Tarso
26Chegado a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade. 27Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús. 28Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. 29Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. 30O sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.
A Igrexa medra en toda Palestina
31Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.
Pedro visita as Igrexas: curación dun paralítico
32Pedro, que as visitaba todas, baixou a visitar os santos que vivían en Lida. 33Encontrou alá un tal Eneas, que xacía paralítico nun catre desde había oito anos. 34Díxolle Pedro:
Eneas, Xesús Cristo vaite curar! Érguete e fai ti mesmo o teu leito.
E no intre púxose en pé. 35Todos os habitantes de Lida e de Sarón vírono e convertéronse ó Señor.
Pedro vólvelle a vida a Tabita
36Había en Iope unha discípula de nome Tabita (que traducido quere dicir Gacela), chea de boas obras e de caridades. 37Por aqueles días enfermou e morreu. Despois de a lavaren, puxérona no cuarto de arriba.
38Como Lida está cerca de Iope, sentindo dicir os discípulos que Pedro estaba alí, mandáronlle dous homes con este recado: "non tardes en achegarte aquí". 39Pedro foi con eles. Cando chegou levárono á sala de arriba onde se lle presentaron chorando todas as viúvas, amosándolle as túnicas e os mantos que facía a Gacela cando estaba con elas.
40Pedro entón, mandou saír a xente toda, púxose de xeonllos e orou; despois volveuse ó cadáver e dixo:
Tabita, érguete!
Ela abriu os ollos e, ó ver a Pedro, incorporouse. 41Pedro colleuna pola man, levantouna e chamando os santos e as viúvas presentóullela viva.
42Isto sóubose en toda a cidade de Iope e moitos creron no Señor. 43Pedro, ficou bastantes días en Iope, na casa dun curtidor chamado Simón.
Currently Selected:
Feitos 9: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT