Feitos 21
21
A viaxe a Xerusalén
1Despois de nos separarmos deles, embarcamos e fomos dereitos cara a Cos; ó día seguinte, a Rodas; e de alí, a Pátara. 2Encontramos un barco que ía facer a travesía a Fenicia, embarcamos nel e seguimos a viaxe. 3Chegando a dexergar Chipre, que deixamos á esquerda, navegamos para Siria e chegamos a Tiro, pois alí tiña que descargar o barco.
4Atopamos os discípulos e paramos alí sete días. Eles, movidos polo Espírito, dicíanlle a Paulo que non subise a Xerusalén. 5Pasados aqueles días, partimos. Todos, xunto coas mulleres e mais os fillos, nos acompañaron ata as aforas da cidade e, postos de xeonllos na praia, rezamos. 6Despois de nos despedirmos uns dos outros, nosoutros embarcamos e eles volveron para as súas casas.
7Nós, rematando a travesía, fomos de Tiro a Tolemaida, saudamos os irmáns e quedamos un día con eles. 8Marchamos para o outro día. Chegamos a Cesarea e, entrando na casa do evanxelista Filipe, un dos Sete, paramos onda el. 9Filipe tiña catro fillas virxes, que falaban inspiradas.
10Botamos alí bastantes días e baixou de Xudea un profeta, chamado Agabo, 11que nos veu ver e, tomando o cinto de Paulo, atouse de pés e mans, dicindo:
Isto di o Espírito Santo: así atarán os xudeus en Xerusalén ó dono deste cinto e entregarano nas mans dos pagáns.
12O sentirmos isto, nós e os do lugar insistiámoslle a Paulo que non subise a Xerusalén. 13Daquela respondeu Paulo:
A que vén tanto pranto? Seica me queredes desmoralizar? Eu estou disposto non só a deixarme atar, senón tamén a morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús.
14E, como non se deixaba convencer, desistimos, dicindo: "que se faga a vontade do Señor".
PAULO PRESO EN XERUSALÉN
15Pasados aqueles días e feitos os preparativos, subimos a Xerusalén. 16Viñeron connosco algúns discípulos de Cesarea, e leváronnos a pousar á casa dun certo Nasón, chipriota, discípulo desde o comezo. 17Chegados a Xerusalén, os irmáns recibíronnos con alegría.
Visita a Santiago
18Para o outro día, foi Paulo connosco cabo de Santiago, e estaban presentes todos os responsables. 19Logo de os saudar, contoulles unha por unha as cousas que Deus fixera entre os pagáns polo seu ministerio. 20O sentilo, glorificaron a Deus pero dixéronlle.
Xa ves, irmán, os milleiros de xudeus que abrazaron a fe; e todos son celosos defensores da Lei; 21pero de ti sentiron dicir que ensinas a todos os xudeus que están entre os pagáns a se apartaren de Moisés, dicindo que non circunciden os seus fillos nin sigan as tradicións. 22Que imos facer agora? Todos saberán que chegaches. 23Fai logo o que che dicimos: hai aquí catro homes que están ofrecidos: 24lévaos canda ti, purifícate con eles e paga por eles para que rapen a cabeza e que todos saiban que non hai nada do que se di, senón que ti mesmo es un practicante da Lei. 25No que toca ós pagáns que abrazaron a fe, mandámoslles por escrito a nosa decisión: que se garden das carnes sacrificadas ós ídolos, do sangue, das carnes sen desangrar e das unións deshonestas.
26Entón Paulo, para o outro día, levou consigo aqueles catro homes, purificouse xunto con eles e entrou no templo para avisar cando acababan os días da purificación e tocaba presentar a ofrenda por cada un deles.
Motín contra Paulo e detención
27Cando estaban para se cumprir os sete días, os xudeus da Asia, que o viran no templo, encirraron a todo o persoal e botáronlle as mans, 28berrando:
Israelitas, axudádenos! Este é o home que por todos os sitios anda ensinando a todos en contra do pobo, da Lei e deste lugar; e para máis meteu uns gregos no templo, profanando este lugar santo.
29(Vírano antes pola cidade co efesio Trófimo e coidaban que Paulo o metera no templo). 30O boureo correuse por toda a cidade, e apareceu xente por todas as partes. Agarraron a Paulo, arrastrárono fóra do templo e pecharon as portas.
31Estaban para o mataren, cando lle chegou a noticia ó xefe da guarnición militar de que toda Xerusalén estaba en revolta. 32De contado colleu soldados e oficiais e baixou correndo cara a eles. Estes, ó velos, deixaron de mallar en Paulo.
33Cando chegou, o tribuno colleuno, mandouno prender con dúas cadeas e preguntoulles quen era e o que fixera. 34Pero de entre a xente cada un berraba súa cousa. Non podendo saber nada seguro, debido ó balbordo, mandouno levar para o cuartel. 35O chegaren ás escadas, era tal a violencia da xente, que o tiveron que levar en peso os soldados, 36pois a xente seguía a berrar: "que morra!".
37Cando o ían meter no cuartel, díxolle Paulo ó tribuno:
Podo falarche unhas palabras?
El preguntoulle:
Sabes grego? 38Entón ti non es o exipcio que hai pouco sublevou e levou ó deserto catro mil guerrilleiros?
39Respondeulle Paulo:
Eu son un xudeu de Tarso, cidadán dunha coñecida cidade de Cilicia. Rógoche que me permitas falarlle á xente.
40Deulle permiso, e Paulo, de pé nas escadas, acenou coa man pedíndolle silencio á xente. Fíxose un gran silencio e díxolles isto en lingua hebrea.
Currently Selected:
Feitos 21: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT