YouVersion Logo
Search Icon

Feitos 20

20
Comeza o regreso de Paulo a Siria. Pasando antes por Macedonia
1Cando pasou o boureo, Paulo mandou chamar polos discípulos, animounos, despediuse deles e marchou cara a Macedonia. 2Despois de percorrer aquela bisbarra, animándoos moito, chegou a Grecia, 3onde botou tres meses. Cando estaba para embarcar cara a Siria, como os xudeus lle argallaran unha emboscada, resolveu volver por Macedonia. 4Levaba de compañeiros a Sópatro, fillo de Pirro, natural de Berea, ós tesalonicenses Aristarco e Segundo, Gaio de Derbe, Timoteo e os asiáticos Tíquico e Trófimo. 5Estes adiantáronse e esperaron polos outros en Tróade. 6Pola nosa banda, embarcamos en Filipos despois das festas da Pascua, e logo de cinco días fomos dar con eles en Tróade, quedando alí sete días.
En Tróade. Episodio do rapaz accidentado
7O domingo estabamos reunidos para partir o pan. Paulo, que ía marchar para o outro día, comezou a falar con eles e prolongou a prédica ata a media noite. 8Había moitas lámpadas no cuarto alto, onde estabamos reunidos.
9A un rapaz, chamado Eutiquio, que estaba sentado na ventá, foille pegando o sono, mentres Paulo alongaba a súa práctica; e así que adormeceu de vez, caeu en baixo desde o terceiro piso e recollérono morto.
10Paulo baixou, botouse sobre el e, apertándoo, dixo: "non vos asustedes, que aínda alenta". 11Subiu, partiu o pan e comeuno e, despois de conversar aínda ben tempo ata o amencer, marchou. 12Entón levaron o rapaz vivo e tiveron un gran consolo.
13Pola nosa banda, adiantámonos a embarcar rumbo a Asos, onde tiñamos que recoller a Paulo, pois el dispuxera facer a viaxe por terra. 14Cando nos alcanzou en Asos, recollémolo a bordo, e chegamos a Mitilene; 15de alí fixémonos á vela, e ó outro día chegamos fronte a Quíos. Para o outro día navegamos a Samos, e para o outro chegamos a Mileto.
Despedida dos presbíteros de Éfeso en Mileto
16Paulo tiña decidido pasar por Éfeso de largo, para non perder tempo en Asia. Apuraba por ver de estar en Xerusalén o día de Pentecoste.
17Desde Mileto, mandou chamar polos responsables da Igrexa de Éfeso. 18Cando chegaron cabo del, díxolles:
Ben sabedes como me portei convosco desde o primeiro día que cheguei a Asia, 19servindo ó Señor con toda humildade no medio das bágoas e probas que me viñeron das maquinacións dos xudeus; 20non tiven reparo en instruírvos e predicarvos, publicamente e polas casas, todo o que vos fose de proveito, 21insistindo solemnemente a xudeus e gregos que se convertesen a Deus pola fe no noso Señor Xesús.
22E agora vouvos a Xerusalén, obrigado polo Espírito, sen saber o que me espera; 23só sei que o Espírito Santo me avisa de cidade en cidade que me agardan cadeas e tribulacións. 24Pero non estimo en nada a miña vida, con tal que poida rematar a miña carreira e o servizo que me encomendou o Señor Xesús: dar testemuño da Boa Nova da graza de Deus.
25Sei que ninguén de vós, entre os que pasei predicando o Reino, me volverá ver. 26Por iso, asegúrovos hoxe que non me sinto responsable da perdición de ninguén, 27porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus. 28Coidade de vós e de todo o rabaño do que o Espírito Santo vos constituíu inspectores, para pastoreardes a Igrexa que Deus comprou co sangue do seu propio Fillo.
29Xa sei que despois da miña marcha se han meter entre vós lobos carniceiros, que non terán mágoa do rabaño. 30E incluso de entre vós mesmos sairán homes que ensinarán cousas perversas, para arrastraren os discípulos tras eles. 31Por iso, vixiade, lembrándovos que, por tres anos, día e noite, non parei de vos aconsellar con bágoas a cada un de vós.
32Eu déixovos nas mans de Deus e da súa palabra de graza: El ten poder para construír e darvos a herdanza entre todos os santificados. 33Non cobicei de ninguén prata, ouro nin roupa: 34ben sabedes todos que para as miñas necesidades e as dos meus compañeiros gañaron abondo estas miñas mans. 35En todo vos mostrei que é, traballando así, como cómpre valerlles ós necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: "é máis felicidade dar que recibir".
36En dicindo isto, axeonllouse con todos eles, e rezou. 37Todos choraron moito e, dábanlle apertas e bicos a Paulo, 38Aflixidos, sobre todo porque lles dixera que non o ían ver máis. E foron con el ata o barco.

Currently Selected:

Feitos 20: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in