YouVersion Logo
Search Icon

Feitos 14

14
Evanxelizan en Iconio. Perseguidos polos xudeus, teñen que marchar
1En Iconio sucedeu o mesmo: entraron xuntos na sinagoga dos xudeus e falaron de tal xeito que creron moitos xudeus e gregos; 2pero os xudeus que non creron, enlizaron e puxeron a mal ós pagáns contra os irmáns. 3Con todo botaron alí bastante tempo, e falaban con ousadía, pois confiaban no Señor que testemuñaba a mensaxe da súa graza realizando por medio deles sinais e prodixios.
4Entón dividiuse a xente da cidade en bandos: uns estaban polos xudeus e outros polos apóstolos. 5Pero visto que se organizou unha manifestación de pagáns e xudeus, cos seus xefes á fronte, para os maltrataren e apedraren, 6eles, que se decataron, fóronse refuxiando nas cidades de Licaonia: na de Listra, na de Derbe e nos arredores; 7e alí anunciaban a Boa Nova.
Con palabras e obras evanxelizan en Listra e Derbe. Seguen os problemas cos xudeus
8Xacía en Listra, tolleito dos pés, un home que era coxo de nacemento e que nunca puidera andar. 9Estaba escoitando a Paulo, que falaba. Paulo, mirando para el e vendo que tiña fe para se curar, 10díxolle en voz alta:
Érguete, e tente dereito sobre os teus pés!
El deu un brinco e botou a andar. 11A xente, ó ver o que fixera Paulo, berraba en idioma licaonio: "Os deuses baixaron a nós en forma humana". 12E chamaban Zeus a Bernabé e a Paulo Hermes, porque era o que lles falaba.
13Entón o sacerdote do templo de Zeus, que estaba á entrada da cidade, levando ás portas touros e grilandas, de acordo coa xente, pretendía ofrecerlles un sacrificio. 14Os apóstolos Paulo e Bernabé, en canto se decataron, racharon os seus vestidos e correron cara á xente, 15berrando:
Que facedes? Nós non somos máis ca homes coma vós, e o que vos predicamos é que deixedes eses falsos ídolos e vos convertades ó Deus vivo que fixo o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles. 16Nas xeracións pasadas permitiu a todas as nacións seguiren os seus propios camiños; 17pero nin por iso deixou de dar testemuño de si coa súa regalía, dándovos desde o ceo chuvias e estacións frutíferas, enchendo de mantenza e de alegría os vosos corazóns.
18E con todas estas palabras, traballiño lles custou impedir que lles ofrecesen un sacrificio.
19Pero chegaron de Antioquía e de Iconio uns xudeus que convenceron á xente. Apedraron a Paulo e arrastrárono fóra da cidade, coidando que estaba morto. 20Mais, cando o rodearon os discípulos, ergueuse e entrou na cidade. Para o outro día marchou con Bernabé cara a Derbe.
21Logo de anunciaren a Boa Nova naquela cidade e de faceren bastantes discípulos, volveron para Listra, Iconio e Antioquía, 22enfortecendo o espírito dos discípulos e animándoos a perseveraren na fe, porque dicíanlles temos de pasar por moitos traballos, para entrarmos no Reino de Deus. 23E despois de designarlles presbíteros en cada Igrexa, oraban, xaxuaban e encomendábanos ó Señor, en quen creran.
Regresan a Antioquía de Siria
24Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia 25e, logo de anunciaren a palabra en Perxe, baixaron cara a Atalía. 26De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á graza de Deus para a misión que viñan de cumprir. 27Chegando, reuniron a Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira ós pagáns a porta da fe. 28Botaron alí moito tempo cos discípulos.

Currently Selected:

Feitos 14: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in