Feitos 13
13
PRIMEIRA VIAXE DE PAULO
O Espírito e a Igrexa de Antioquía mandan a Bernabé e Paulo á primeira viaxe misioneira
1Había na Igrexa de Antioquía profetas e mestres: Bernabé, Simeón chamado Níxer, Lucio de Cirene, Menahén compañeiro de infancia do tetrarca Herodes, e Saulo. 2Estando nunha reunión litúrxica con xaxún, dixo o Espírito Santo:
Apartade a Bernabé e Saulo para a obra á que os teño chamados.
3Entón, logo de xaxuaren e oraren, impuxéronlles as mans e despedíronos.
En Chipre. O meigo e a conversión do procónsul
4Por tanto, mandados polo Espírito Santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre. 5Chegados a Salamina, comezaron a anunciar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus, levando a Xoán de axudante. 6Despois de atravesaren toda a illa ata Pafos atoparon alí un xudeu, meigo e falso profeta, chamado Barxesús, 7que estaba co procónsul Serxio Paulo, home prudente. Este mandou chamar a Bernabé e Saulo, arelando escoitar a palabra de Deus. 8Pero Elimas, "o meigo" (que así se traduce o seu nome), opúxoselles, procurando arredar da fe ó procónsul. 9Entón Saulo, tamén chamado Paulo, cheo do Espírito Santo, fixando nel os seus ollos, 10exclamou:
Estás cheo de andrómenas e de ruindade, fillo do demo, inimigo de todo o bo; non deixarás de torcer os camiños rectos do Señor? 11Pois agora vai vir sobre ti a man do Señor; ficarás cego, e non verás a luz do sol por algún tempo.
E no instante caeron enriba del a escuridade e as tebras e, tentando ó arredor, buscaba quen o guiase pola man. 12Entón o procónsul, vendo o sucedido, abrazou a fe, impresionado pola doutrina do Señor.
13Paulo e os seus compañeiros embarcaron en Pafos, e dirixíronse a Perxe de Panfilia. Pero Xoán deixounos e deu volta para Xerusalén.
A predicación de Paulo ós xudeus en Antioquía de Pisidia
14Eles, desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse. 15Despois da lectura da Lei e dos Profetas, os xefes da sinagoga mandáronlles dicir:
Irmáns, se tedes algunha palabra para animar o pobo, falade.
16Paulo entón, levantándose, acenoulles coa man e dixo:
Israelitas e os que seguides ó noso Deus, escoitade: 17o Deus deste pobo de Israel escolleu a nosos pais e engrandeceu este pobo durante o seu exilio na terra de Exipto; despois tirounos de alí coa forza do seu brazo. 18Durante corenta anos soportounos no deserto, 19e, despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles en posesión a súa terra: 20isto durou uns catrocentos cincuenta anos. Despois diso deulles xuíces ata o profeta Samuel; 21logo pediron un rei e Deus deulles durante corenta anos a Xaúl, fillo de Quix, da tribo de Benxamín; 22despois que o refugou, deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo: Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade. 23Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús. 24Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, 25e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés".
26Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ó noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación. 27É certo que os veciños de Xerusalén e os seus gobernantes descoñeceron a Xesús e, condenándoo, cumpriron as palabras dos profetas, que se len todos os sábados. 28Aínda que non atoparon nel nada que merecese a morte, pedíronlle a Pilato que o mandase matar. 29E, cando cumpriron todo o que acerca del estaba escrito, baixárono do madeiro e puxérono nun sepulcro. 30Pero Deus resucitouno de entre os mortos; 31e durante moitos días apareceuse ós que subiran con El de Galilea para Xerusalén, que son agora as súas testemuñas diante do pobo.
32E nós anunciámosvos a boa nova de que a promesa feita ós nosos pais 33A cumpriu en nós, os seus fillos, resucitando a Xesús, conforme estaba escrito no salmo segundo: Ti es o meu Fillo: eu xereite hoxe.
34E que o resucitou de entre os mortos, para non volver nunca mais á morte, díxoo así: Heivos conceder os beneficios asegurados a David. 35Por iso di noutra pasaxe: Non permitirás que o teu Santo experimente a corrupción. 36Ora ben, David, logo de cumprir no seu tempo o plan de Deus, morreu, xuntouse cos seus pais e experimentou a corrupción, 37mentres que aquel que Deus resucitou non coñeceu corrupción ningunha.
38Sabede, logo, irmáns, que por medio del se vos anuncia o perdón dos pecados, e que de todo aquilo do que vós non vos puidestes xustificar mediante a Lei de Moisés, 39pode, mediante El, xustificarse todo o que cre. 40Moito coidadiño de que non vos pase o que din os Profetas:
41Mirade, os escépticos,
para que vos pasmedes e caledes,
vou facer nos vosos días tal obra,
que, se vola contan, non a credes!
42O saíren, pedíanlles que para o outro sábado lles seguisen falando do mesmo asunto. 43Cando se desfixo a asemblea, moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.
Paulo e Bernabé deixan os xudeus, e diríxense ós pagáns de Antioquía. Problemas
44Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus, 45pero os xudeus enchéronse de envexa, ó veren tanta xente, e opoñíanse cos insultos ó que Paulo dicía. 46Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara ós pagáns; 47pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.
48Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna. 49Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.
50Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e ós principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.
51Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, 52mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.
Currently Selected:
Feitos 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT