2 Timoteo 4
4
Exhortación a Timoteo e anuncio da propia morte
1E pídoche por favor unha cousa diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: 2pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina.
3Porque virán tempos nos que non escoitarán a verdadeira doutrina, senón que, conforme os seus caprichos, amorearán mestres que lles agarimen os oídos. 4Afastaranse de escoitar a verdade e extraviaranse polo terreo dos mitos.
5Ti, en troques, mantente sobrio en todo, soporta o mal, fai obra de evanxelista, cumpre ben o teu servizo. 6Porque a min xa me falta pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar. 7Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. 8O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día.
E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa.
Consellos persoais
9Prepárate para vires onda min axiña, 10porque Dimas me plantou preferindo o mundo presente e foise para Tesalónica; Crescente, para Galacia; e Tito, para Dalmacia. 11Só Lucas está comigo. Recolle a Marcos e tráeno contigo, que me cómpre moito para o ministerio. 12A Tíquico mandeino a Éfeso. 13Cando veñas, tráeme o capote que deixei en Tróade onda Carpo, e mailos libros, maiormente os pergamiños.
14Alexandro, o ourive, fíxome moito mal: o Señor halle dar o pago do que fixo. 15Ti, moito ollo tamén, porque fixo moito contra as nosas palabras!
16Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron. Que Deus llelo perdoe! 17Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. 18O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.
Derradeiros saúdos
19Dálles saúdos a Prisca, a Aquila e á familia de Onesíforo. 20Erasto quedou en Corinto, a Trófimo deixeino en Mileto. 21Apura para te vires antes do inverno. Mándanche saúdos Éubulo, e Pudente, Lino e Claudia e todos os irmáns. 22O Señor acompañe o teu espírito. A graza vaia convosco.
Currently Selected:
2 Timoteo 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT