YouVersion Logo
Search Icon

2 Timoteo 3

3
Os homes dos tempos derradeiros
1Ten ben sabido isto: que nos días derradeiros haberá intres difíciles. 2A xente volverase egoísta, avariciosa, fachendosa, presumida, maldicente, mal guiada cos seus pais, sen caridade, impía, 3desamorada, falsa, calumniadora, arrogante, ríspeta, inimiga do bo, 4traicioneira, temeraria, foncha, máis amante do pracer ca de Deus; 5terá aparencia de piedade, pero renegará da verdadeira forza da mesma. Ti con xente desa non te xuntes. 6Porque destes son os que se meten nas casas e engaiolan as mulleriñas ateigadas de pecados e empurradas por moitas castes de paixóns, 7que están sempre aprendendo pero que non dan chegado ó coñecemento da verdade. 8E da mesma maneira que Ianne e Iambrés se arrepuxeron contra Moisés, así tamén estes se arrepoñen contra verdade: homes de mente estragada, réprobos na fe. 9Pero non avantarán moito, porque a súa insensatez será manifesta a todos, como o foi a daqueles.
Tarefa dura de Timoteo
10Ti, en troques, seguíchesme a min na doutrina, no xeito de vida, nos meus plans, na fe, na paciencia, na caridade, na resistencia 11ás persecucións e ós sufrimentos (como os que aturei en Antioquía, en Iconio, en Listra). Que grandes persecucións soportei e de todas me librou o Señor! 12E tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución.
13Homes ruíns e sedutores irán de mal en peor, enganadores e enganados. 14Ti mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. 15Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che facer saber o camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
16Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza. 17Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa.

Currently Selected:

2 Timoteo 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in