YouVersion Logo
Search Icon

2 Timoteo 1

1
Saúdo
1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus para anunciala promesa da vida que hai en Cristo Xesús, 2A Timoteo, fillo querido: deséxoche a graza, a misericordia e a paz de Deus e de Cristo Xesús noso Señor.
Fidelidade ó Evanxeo
3Doulle grazas a Deus, a quen sirvo desde o nacemento con conciencia limpa, porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día. 4Cando me acordan as túas bágoas, véñenme ganas de te ver para me encher de alegría, 5lembrando a túa fe sincera, que xa habitou na túa avoa Loide e na túa nai Eunice, e confío que tamén en ti.
6Por esta mesma causa recórdoche que reavives o carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans. 7Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade. 8Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. 9El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, 10e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo. 11Deste Evanxeo constituíronme a min pregoeiro, apóstolo e mestre.
12Por esta causa precisamente padezo estas cousas. Pero non me importa, porque sei de quen me fiei, e estou certo que é podente para custodiar ata aquel día o depósito que me confiou. 13Mantén coma regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús. 14Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.
15Saberás que me plantaron tódolos de Asia, entre eles Fíxelo e Hermóxenes. 16Concédalle o Señor misericordia á familia de Onesíforo, que me tivo animado moitas veces e non se avergoñou de que eu fora un preso. 17Aínda máis, cando cheguei a Roma, axiña me buscou e atopoume: 18que o Señor lle conceda achar a súa misericordia naquel día. E cantos servizos fixo en Éfeso coñécelos ti mellor ca min.

Currently Selected:

2 Timoteo 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in