1 Timoteo 6
6
Os escravos
1Todos os que están baixo o xugo da escravitude teñan ós seus propios amos por dignos da maior estima, para que non se maldiga o nome de Deus nin se desprece a doutrina. 2Os que teñan amos crentes, non lles falten á consideración por seren irmáns; ó contrario, sírvanos mellor, por seren crentes e irmáns os que reciben os seus bos servizos.
As falsas doutrinas e as verdadeiras ganancias
Isto é o que tes que ensinar e recomendar. 3Se alguén ensina outra cousa e non segue as boas palabras as do noso Señor Xesús Cristo, a doutrina conforme á verdadeira piedade, 4faise un soberbio; non entende nada, senón que se aparva con controversias e discusións baleiras, das que nacen envexas, rifas, palabras inxuriosas e malas sospeitas, 5discusións parvas de homes con mente corrompida, carentes da verdade, que teñen a verdadeira piedade coma unha fonte de ganancia. 6E certamente a verdadeira piedade, cando un se conforma co que ten, é a mellor fonte de ganancia. 7Porque nada trouxemos ó mundo e nada podemos levar del.
8Contentémonos con ter para comer e para vestir. 9Os que se queren facer ricos caen en tentacións e trapelas e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan os homes a perder e á ruína. 10A raíz de todos os males é a avaricia: algúns, dominados por ela, afastáronse da fe e envurulláronse a si mesmos en moitas dores.
Encomenda a Timoteo
11Pero ti, home de Deus, fuxe desas cousas; procura a xustiza, a piedade verdadeira, a fe, a caridade, a paciencia e a mansedume. 12Loita na fermosa competición da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e que confesaches de maneira brillante diante de moita xente. 13Mándocho ante Deus, que fai vivir todas as cousas, e ante Cristo Xesús, que con tan magnífica confesión deu testemuño ante Poncio Pilato: 14garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do Señor noso Xesús Cristo. 15No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único podente, Rei dos reis e Señor dos señores. 16O único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver. A El a honra e o poder eterno. Amén.
Os ricos
17Os ricos deste mundo mándalles que non sexan fachendosos, nin poñan a esperanza na riqueza incerta, senón en Deus, que nos dá para gozar de todas as cousas con gran abundancia. 18Que fagan o ben, enriquecidos en boas obras, xenerosos en dar e dadivosos cos demais. 19Así atesourarán para si un estupendo capital para o porvir e acadarán a verdadeira vida.
Saúdo final
20Timoteo, garda o depósito, evitando as lerias profanas e as obxeccións da falsa ciencia. 21Por andaren niso algúns afastáronse da fe.
A graza sexa convosco.
Currently Selected:
1 Timoteo 6: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT