2 Samuel 7
7
A profecía de Natán
1Instalado o rei David na súa casa, e como o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, 2díxolle el ó profeta Natán: —"Repara que eu estou instalado nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda". 3Natán respondeulle ó rei: —"Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo".
4Pero aquela mesma noite veulle a Natán esta palabra do Señor: 5—"Vai e dille ó meu servo David que isto di o Señor: vasme edificar unha casa para que eu habite nela? 6Desde o día en que saquei os israelitas de Exipto ata hoxe, non habitei en casa ningunha, senón que andei dun lado para outro nunha tenda e nun tabernáculo. 7E en todo o tempo que andei cos israelitas, faleille, acaso, a algún dos xuíces de Israel, ós que mandei que alindasen o meu pobo, de que me edificasen unha casa de cedro?
8Agora, pois, dille ó meu servo David que isto di o Señor dos exércitos: eu saqueite das mandas, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu pobo Israel. 9Estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. E dareiche un nome tan grande coma o dos grandes da terra.
10Eu fixarei tamén un posto para o meu pobo Israel. Eu plantareino e el vivirá alí sen sobresaltos. Non volverán asoballalo os fillos da iniquidade, como fixeron á primeira, 11no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Dareiche o repouso de todos os inimigos e, por parte, o Señor anúnciache que che dará unha dinastía.
12Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. 13El edificarame unha casa e eu afincarei para sempre o seu reino.
14Eu serei para el un pai e el será para min un fillo. Se peca, castigareino con vara de homes e con azoutes humanos. 15Mais non lle retirarei a miña lealdade, como lla retirei a Xaúl, a quen botei da miña presenza. 16A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presenza para sempre, o teu trono manterase firme eternamente". 17Natán comunicoulle a David estas palabras e toda esta visión.
Oración de David
18Entón o rei David presentouse ó Señor e dixo:
—"Quen son eu, meu Señor Iavé, e quen é a miña familia,
para que me fagas chegar ata aquí?
19E, por se isto fose pouco aínda ós teus ollos, Señor Iavé,
falas tamén do porvir da familia do teu servo.
É isto, Señor Iavé, cousa ben dada?
20E que pode engadir David ó que xa dixo,
se ti, Señor Iavé, coñeces abondo o teu servo?
21Pola túa palabra e segundo o teu corazón,
ti levas a termo estas cousas
e revélasllas ó teu servo.
22Por iso es grande, Señor Iavé,
non hai outro coma ti,
nin hai Deus, fóra de ti,
conforme o que temos oído.
23E que nación hai no mundo coma o teu pobo Israel,
que Deus mesmo foi rescatar,
para facelo seu e darlle un nome
e para facer con el prodixios e milagres,
botando de diante do pobo que libraches de Exipto
ós outros pobos cos seus deuses?
24Ti constituíches o pobo de Israel
coma pobo teu para sempre
e Ti, Señor, es o seu Deus.
25Agora, Señor Deus,
mantenlle ó teu servo e á súa familia para sempre
a palabra que lle deches,
e cumpre o que lle prometiches.
26Sexa exaltado por sempre o teu amor,
e que se diga: o Señor dos exércitos é o Deus de Israel.
E que a familia do teu servo David
se manteña firme na túa presenza.
27Porque ti, Señor dos exércitos, Deus de Israel, revelácheslle isto ó teu servo:
eu edificareiche unha casa.
Por iso atopou forza o teu servo
para dirixirche esta oración.
28Agora, Señor Iavé, ti que es Deus,
ti que tes palabras verdadeiras
e que lle fixeches ó teu servo este ben,
29dígnate, logo, bendicir a familia do teu servo
e que permaneza por sempre na túa presenza.
Xa que ti, meu Señor Iavé, o prometiches,
que, pola túa bendición, sexa bendita para sempre
a familia do teu servo".
Currently Selected:
2 Samuel 7: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT