2 Samuel 5
5
David, rei de Israel
1Todas as tribos de Israel foron a Hebrón, xunto a David, para dicirlle: —"Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. 2Xa de antes, cando Xaúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás o meu pobo Israel, ti serás o seu xefe".
3Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel. 4David tiña trinta anos cando empezou a reinar e reinou corenta anos. 5En Hebrón reinou sobre Xudá sete anos e medio; en Xerusalén reinou trinta e tres anos, sobre Israel e Xudá.
Conquista de Xerusalén
6O rei marchou cos seus homes sobre Xerusalén contra os habitantes daquel país, os iebuseos. Eles tíñanlle dito a David: —"Non poderás entrar aquí; rexeitarante os cegos e os coxos". Con iso querían dicir: "David non poderá entrar aquí". 7Pero David conquistou a fortaleza de Sión, que se converteu na cidade de David.
8Aquel día David dixera: —"Quen queira combater os iebuseos, que se achegue polo túnel. A eses coxos e a eses cegos aborréceos David". De aí saíu aquel dito: nin cego nin coxo entre no templo. 9David instalouse na fortaleza e chamoulle cidade de David. David edificou ó redor dela desde o Miló para dentro. 10David medraba cada vez máis. O Señor, Deus dos exércitos, estaba con el.
11Hiram, rei de Tiro, mandoulle unha embaixada a David, con madeiras de cedro e con carpinteiros e canteiros, para que construísen o pazo de David. 12David comprendeu que o Señor o confirmaba por rei de Israel e que por mor do seu pobo Israel engrandecía o reino.
13Despois de que veu de Hebrón, David tomou en Xerusalén outras concubinas e outras mulleres. Delas nacéronlle a David máis fillos e máis fillas. 14Os nomes dos fillos que tivo en Xerusalén son Xamá, Xobab, Natán e Salomón, 15Ibhar, Elixúa, Nafeg e Iafía, 16Elixamá, Eliadá e Elifélet.
Guerras cos filisteos
17Souberon os filisteos que David fora unxido rei de Israel e, ó momento, subiron en busca del. David, ó ter a noticia, baixou á súa fortaleza. 18Os filisteos viñeron e espalláronse polo val de Refaím.
19David consultou o Señor: —"Subirei contra os filisteos? Poralos nas miñas mans?" O Señor respondeulle: —"Sube. Entregareinos, seguro, nas túas mans". 20David foise a Baal Perasim e alí venceunos, e comentou: —"O Señor abriu unha fenda nos meus inimigos diante miña, coma a fenda que abren as augas". Por iso chamóuselle a aquel lugar Baal Perasim. 21Os filisteos abandonaron alí os seus ídolos e colléronos David e os seus homes.
22Os filisteos volveron á contenda, despregándose polo val de Refaím. 23David consultou o Señor, que lle respondeu: —"Non subas. Dá a volta por detrás deles e atácaos do lado das moreiras. 24Cando sintas ruído de pasos nas copas das moreiras, ataca con decisión, pois é que sae o Señor diante de ti, para derrotar o exército filisteo". 25David fixo como lle mandaba o Señor, e derrotou os filisteos desde Gueba ata a entrada de Guézer.
Currently Selected:
2 Samuel 5: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT