1 Samuel 30
30
Expedición de David contra os amalecitas
1Cando, ó cabo de tres días, chegaron a Siquelag David e os seus homes, os amalecitas invadiran o Négueb e Siquelag. A Siquelag arrasárano e prendéranlle lume. 2Levaran cativas as mulleres e todo o que había alí, pequeno ou grande. Non mataran a ninguén, pero collérano todo e emprenderan camiño de volta.
3Cando David e os seus homes entraron na cidade, viron que estaba queimada e que as súas mulleres e os seus fillos foran levados prisioneiros. 4David e a xente que ía con el botáronse a chorar, berrando ata acabárselles as forzas. 5Tamén foran cativas as dúas mulleres de David, Ahinoam de Iezrael e Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel.
6David viuse, daquela, en gran apuro, pois a xente, aflixida, cada un polos seus fillos e as súas fillas, falaban de apedralo. David atopou conforto no Señor, o seu Deus, 7e díxolle ó sacerdote Abiatar, fillo de Ahimélec: —"Tráeme aquí o efod". E Abiatar acercoullo. 8David consultou o Señor, preguntando: —"Perseguirei esa banda? Atrapareina?" E o Señor respondeulle: —"Persígueos; atraparalos e rescatarás o que levaron".
9David foi cos seiscentos homes que o acompañaban e chegaron á fervenza de Besor, onde algúns deles quedaron. 10David seguiu a persecución con catrocentos homes. Douscentos deles quedaron, cansos de máis para atravesar a fervenza de Besor.
11No campo atoparon un exipcio e leváronllo a David. Déronlle pan e auga, para que comese e bebese, 12e tamén torta de figos e dous acios de uvas pasas. En comendo, reanimouse, pois levaba tres días e tres noites sen comer nin beber.
13Entón preguntoulle David: —"De quen es e de onde vés?" El respondeulle: —"Son un mozo exipcio, servo dun amalecita. O meu amo abandonoume, porque me puxen malo, hai tres días. 14Fixeramos unha incursión polo Négueb dos quereteos, o de Xudá e o de Caleb, e prenderámoslle lume a Siquelag".
15David preguntoulle aínda: —"Levaríasme onda esa banda?" El respondeulle: —"Se me xuras que non me matarás nin me porás nas mans do meu amo, levareite onde está a banda". 16Guiounos alá e atopáronos ciscados polo campo, comendo e bebendo e facendo festa, pola gran facenda que levaran da terra dos filisteos e do país de Xudá.
17David mallou neles da mañá á noite. Só se salvaron de entre todos coma catrocentos mozos, que escaparon montados en camelos. 18David rescatou todo o que os amalecitas levaran e salvou as súas dúas mulleres. 19Non botaron en falta a ninguén, nin pequeno nin grande, nin fillo nin filla, nin nada dos espolios de todo o que roubaran. David recobrouno todo.
20A xente colleu dos rabaños e dos bois e presentoullo a David dicindo: —"Está é a parte de David". 21Despois volveu David onda os douscentos homes que, por cansos, non puideran seguilo e quedaran onda a fervenza de Besor. Eles saíran ó encontro de David e da xente que fora con el. David acercouse e saudounos.
22Algúns malvados de entre os homes que foran con David, dicían: —"Xa que non foron canda nós, que non se lles dea nada dos espolios que rescatamos, fóra da muller e dos fillos. Que os collan e que se vaian".
23Mais David dixo: —"Non fagades iso, irmáns, visto o que o Señor fixo por nós, gardándonos e póndonos nas mans esa banda que viña contra nós. 24Quen podería estar de acordo con esa vosa proposta? Porque a parte dos que descenden ó combate é a mesma cá dos que gardan a bagaxe. Todos terán a mesma parte". 25Desde aquel día en adiante, e ata hoxe, iso quedou coma lei e norma en Israel.
26Chegado de volta a Siquelag, David mandoulles parte do botín ós anciáns de Xudá e ós seus amigos, dicindo: —"Aí tedes un agasallo, do botín dos inimigos do Señor". 27Mandóullelo ós de Betuel, ós de Ramot do Négueb e ós de Iatir, 28ós de Aroer, ós de Sifemot e ós de Extemoa, 29ós de Carmel, ós das cidades dos ierahmelitas e ós das dos quenitas, 30ós de Hormah, ós de Boraxán e ós de Atac, 31ós de Hebrón e ós de todos os lugares que David percorrera cos seus homes.
Currently Selected:
1 Samuel 30: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT