YouVersion Logo
Search Icon

1 Samuel 29

29
David excluído do exército filisteo
1Os filisteos concentraron toda a súa tropa en Afécah e Israel acampou onda a fonte de Iezrael. 2Os príncipes filisteos marchaban co seu exército dividido en centurias e en milleiros. David e os seus homes ían con Aquix na retagarda.
3Os xenerais dos filisteos preguntaron: —"Que fan aí eses hebreos?" Aquix respondeulles: —"Ese é David, vasalo de Xaúl, o rei de Israel. Leva comigo cousa dun ou dous anos e, desde o día en que se pasou onda min ata o presente, non atopei nada en contra del".
4Os príncipes dos filisteos dixéronlle a Aquix, anoxados: —"Despide a ese home; que volva ó lugar que lle sinalaches. Que non baixe connosco á guerra e, se cadra, no medio do combate, se nos converta en inimigo. Con que se reconciliaría co seu amo mellor que coas cabezas dos nosos homes? 5Non é ese aquel David do que cantaban en corro:
Xaúl matou os seus mil,
pero David os seus dez mil?"
6Aquix chamou a David, para dicirlle: —"Pola vida do Señor! Ti es home de ben e gustaríame moito verte entrar e saír a canda min no campamento, pois, desde o día da túa chegada ata hoxe, non atopei maldade en ti. Pero os outros príncipes non te ven con bos ollos. 7Vólvete, logo, e vaite en paz, para non causarlles un desgusto ós príncipes dos filisteos".
8David díxolle a Aquix: —"Que é, logo, o que fixen e que atopaches no teu servo, desde o día que cheguei onda ti ata o presente, para que non poida ir ó combate contra os inimigos do rei, meu señor?" 9Aquix respondeulle a David: —"Sabes ben que, ós meus ollos, ti es bo coma un anxo de Deus. Pero os príncipes filisteos decidiron: non subirá connosco ó combate. 10E con iso, pola mañá, erguédevos cedo, ti e os servos do teu señor que viñeron contigo, e, ó clarexar do día, ídevos". 11David e os seus homes madrugaron e fóronse de mañá, de volta cara ó país dos filisteos. Os filisteos, pola súa parte, subiron a Iezrael.

Currently Selected:

1 Samuel 29: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in