1 Macabeos 14
14
Loanza de Simón
1No ano cento setenta e dous o rei Demetrio xuntou as súas tropas e marchou a Media na procura de axuda para facerlle a guerra a Trifón. 2Cando Arsaces, rei de Persia e de Media, soubo que Demetrio entrara no seu territorio, mandou un dos seus xenerais para que o prendesen vivo. 3Foi alá o xeneral, derrotou ó exército de Demetrio, prendeuno e levoullo a Arsaces; e Arsaces meteuno na cadea.
4Mentres Simón viviu, houbo paz en Xudá,
traballou polo ben do seu pobo,
o seu goberno gustoulles sempre a todos,
e o mesmo a súa grandeza.
5Fixo medrar a súa grandeza
coa conquista do porto de Iafa;
así abriu un camiño cara ós pobos marítimos.
6Estendeu as fronteiras da súa nación
e conservou o mando do seu país.
7Rescatou moitos cativos,
apoderouse de Guézer, de Betsur e da cidadela;
botou fóra dela todas as profanacións
e non houbo quen lle resistise.
8A xente traballaba en paz as súas terras;
as leiras daban as súas colleitas,
e as árbores da terra cha os seus froitos.
9Os velliños sentábanse nos rueiros
falando do ben que ían as cousas,
e os mozos vestían gloriosos uniformes de guerra.
10Abasteceu de viandas as cidades
e dotounas de medios de defensa,
chegou a súa sona ata o cabo do mundo.
11Pacificou todo o país,
e Israel encheuse de alegría.
12Todos acougaron á sombra da súa parra e da súa figueira
sen que ninguén os importunase.
13Acabou cos inimigos do país,
e no seu tempo os reis eran derrotados.
14Deu axuda á xente humilde do pobo,
preocupouse pola Lei
e desterrou os desleigados e perversos.
15Devolveulle ó templo o seu honor
e aumentou os vasos sagrados.
16En Roma e en Esparta, cando souberon a noticia da morte de Ionatán sentírono moitísimo. 17Pero cando souberon tamén que seu irmán lle sucedera como Sumo Sacerdote e como gobernador da nación e das súas cidades 18escribíronlle en táboas de bronce para renovar con el o tratado de amizade e de alianza que fixeran con seus irmáns Xudas e Ionatán. 19As cartas léronse en Xerusalén nunha xuntanza do pobo.
20Esta é a copia da carta que mandaron os espartanos:
—"Os maxistrados e a cidade de Esparta saúdan a Simón, Sumo Sacerdote, ós anciáns, ós sacerdotes e a todo o pobo dos xudeus, nosos irmáns.
21Os embaixadores que mandastes informáronnos da prosperidade e esplendor que tedes. A súa chegada alegrounos moito, 22e rexistramos as súas palabras no libro de actas do seguinte modo: Numenio, fillo de Antíoco, e Antípatro, fillo de Iasón, embaixadores dos xudeus, visitáronnos para renovar connosco o tratado de amizade. 23O pobo pareceulle ben facerlles un grande recibimento e depositar unha copia das súas palabras entre os documentos públicos, para que os espartanos o recorden sempre. Fixemos unha copia disto para o Sumo Sacerdote Simón".
24Despois Simón enviou a Roma a Numenio cun gran escudo de ouro de mil minas de peso, para renovar a alianza cos romanos.
Agradecemento do pobo a Simón
25Cando o pobo soubo de todas estas cousas, dixo:
26—"Que recompensa lles imos dar a Simón e ós seus fillos? Pois o certo é que tanto el coma seus irmáns e toda a súa familia loitaron con valor contra os nosos inimigos e grazas a eles conseguimos a liberdade".
Gravaron unha inscrición en placas de bronce e colocáronas nunhas columnas no monte Sión. 27A inscrición dicía:
—"O día dezaoito do mes de Elul do ano cento setenta e dous —o ano terceiro de Simón, Sumo Sacerdote— 28nunha asemblea extraordinaria dos sacerdotes, do pobo, dos dirixentes do pobo e dos anciáns de Israel, acordouse o seguinte:
29Cando o país estaba en guerra continua, Simón, fillo de Matatías, da familia de Ioarib, e seus irmáns expuxéronse ó perigo e fixeron fronte ós inimigos da patria, para manter incólume o templo e mais a Lei; e así cubriron de gloria ó seu pobo. 30Ionatán realizou a unión do seu pobo, fixo de Sumo Sacerdote e foise xuntar cos seus. 31Entón os inimigos de Israel quixeron invadir e devastar o país e apoderarse do templo. 32Pero ergueuse Simón e loitou pola súa patria, gastou gran parte dos seus bens en equipar e pagarlles ós soldados do seu pobo. 33Fortificou as cidades de Xudá e Betsur que está na fronteira de Xudá, onde antes estaban as tropas inimigas, e deixou alí unha guarnición xudía. 34Fortificou tamén Iafa, na beira do mar, e Guézer que linda con Axdod, morada noutrora dos inimigos, e estableceu nelas colonias xudías que abasteceu de canto lles cumpría para a súa defensa. 35Cando a xente viu a lealdade de Simón e o interese que poñía en engrandecer o seu país, nomeouno xefe e Sumo Sacerdote seu, como premio por canto fixera, pola xustiza e lealdade de que dera proba en favor do seu pobo, e por todos os esforzos que fixera por engrandecelo. 36No seu tempo conseguiuse expulsar do país ós estranxeiros, sobre todo ós que estaban na cidade de David, en Xerusalén, que fixeran dela unha fortaleza, de onde baixaban para profanar os arredores do templo e aldraxar a súa santidade. 37Simón puxo na cidadela tropas xudías, fortificouna para seguranza do país e da cidade, e deulles máis altura ás murallas de Xerusalén. 38Por iso o rei Demetrio confirmouno no cargo de Sumo Sacerdote, 39deulle o título de amigo do rei e concedeulle moitos honores, 40porque o rei informárase de que os romanos tiñan ós xudeus por amigos, aliados e irmáns, e de que lles fixeran un grande recibimento ós embaixadores de Simón, 41e de que o pobo xudeu e os seus sacerdotes acordaran o seguinte: que Simón fose o seu xefe e Sumo Sacerdote de por vida —mentres non aparecese un profeta digno de fe—; 42que fose tamén o seu xeneral para coidar do templo, da inspección das obras, da administración do país, do armamento e das fortalezas; 43que coidara do santuario; que todos lle obedecesen; que se redactasen no seu nome todos os documentos públicos do país, que vestise de púrpura e ouro. 44A ninguén, fose leigo ou sacerdote, lle estaría permitido violar ningunha destas disposicións, contradicir as ordes que el dese, facer xuntanzas no país sen o seu permiso, vestirse de púrpura ou levar fibela de ouro. 45Se alguén non fixese caso destas disposicións e violase algunha delas, sería castigado".
46Todo o pobo acordou que se lle dese a Simón autoridade para obrar conforme a estas disposicións. 47Simón aceptou agradecido ser Sumo Sacerdote, xefe e etnarca dos xudeus e dos sacerdotes e gobernalos a todos. 48Acordaron gravar este documento en placas de bronce e colocalo no adro do templo, nun sitio ben visible, 49e que unha copia do mesmo se deixase no tesouro a disposición de Simón e de seus fillos.
Dereitos reservados: SEPT