Skip to content

1 Macabeos 13

13
Simón, Sumo Sacerdote e xefe do pobo
1Cando Simón soubo que Trifón formara un grande exército para ir contra a terra de Xudá e devastala, 2e viu que a xente estaba tremendo, subiu a Xerusalén 3e alentounos con estas palabras:
—"Ben sabedes canto fixemos pola Lei e polo templo eu, meus irmáns e toda a miña familia, as guerras e desgrazas que sufrimos. 4Por iso morreron meus irmáns por Israel e xa só quedo eu. 5Pero non queira Deus que neste momento de perigo vaia eu recuar por amor á miña vida, pois non son mellor ca meus irmáns. 6Polo contrario, defenderei ó meu pobo, ó templo, ás vosas mulleres e ós vosos fillos, agora que todos os estranxeiros, cheos de carraxe, se xuntan contra nós para exterminarnos".
7O oílo falar, o pobo animouse 8e todos responderon a berros:
—"Ti es o noso xefe, despois de Xudas e de Ionatán. 9Dirixe a nosa guerra, que faremos canto nos mandes".
10Simón convocou a todos os soldados, e buliu para acabar de construír as murallas de Xerusalén, e fortificouna toda arredor. 11Enviou a Iafa a Ionatán, fillo de Abxalom, cun exército regularciño, e Ionatán botou fóra da cidade ós seus habitantes e estableceuse nela.
12Trifón saíu de Tolemaida á fronte dun grande exército para invadir Xudá; levaba con el a Ionatán prisioneiro. 13Simón acampou en Hadid na chaira. 14Cando Trifón soubo que Simón substituíra a seu irmán Ionatán e que estaba disposto e facerlle fronte, mandoulle a seguinte mensaxe:
15—"Temos prisioneiro a teu irmán Ionatán, polos cartos que debía ó tesouro real en razón dos cargos que tiña. 16Mándanos cen talentos de prata e a dous dos seus fillos, como reféns, para que non se revire contra nós ó verse ceibe, e liberarémolo".
17Aínda que Simón sabía que Trifón o quería enganar, mandoulle os cartos e os dous fillos para que o pobo non se enfadase con el 18e andase dicindo despois:
—"Mataron a Ionatán por non lle mandar os cartos e os fillos".
19Mandoulle, pois, os fillos e os cen talentos. Pero Trifón faltou á súa palabra e non liberou a Ionatán.
20Despois Trifón marchou para invadir e devastar o país. Rodeou polo camiño de Adoraim, pero Simón co seu exército saíalle ó encontro onde queira que el fose. 21Os da cidadela mandáronlle mensaxeiros a Trifón pedíndolle que se dese présa en ir na súa axuda atravesando polo deserto, e que lles levase víveres. 22Trifón preparou toda a súa cabalería para ir alá aquela mesma noite, pero caeu unha nevada tan grande que non puido partir. Entón marchou para Galaad. 23O chegar cerca de Basamah matou a Ionatán e enterrouno alí. 24Despois Trifón deu a volta e marchou para a súa terra.
25Simón mandou recoller os restos de seu irmán Ionatán e enterrouno en Modín, o pobo de seus pais. 26Todo Israel fixo grandes funerais por el e chorouno durante moitos días. 27Simón construíu enriba do sepulcro de seus pais e de seus irmáns un monumento alto e visible desde moi lonxe, recuberto de pedras labradas por diante e por detrás. 28Ergueu tamén sete pirámides, unhas enfronte doutras, para honrar a seu pai, a súa nai e ós seus catro irmáns. 29Para decorar as pirámides púxolles grandes columnas arredor, e nas columnas mandou esculpir trofeos para eterna lembranza, e a carón dos trofeos, barcos, para que os visen todos os navegantes. 30Este monumento que mandou construír en Modín aínda hoxe existe.
Simón e Demetrio
31Trifón, que conspiraba contra o rei Antíoco, aínda novo, acabou por matalo. 32Ocupou o seu trono, cinguiu a coroa de Asia e foi causa de moitos males para o país.
33Simón reconstruíu as fortalezas de Xudá, ergueu arredor delas torres e murallas moi altas, con portas e ferrollos, e deixoulles moitas provisións. 34Escolleu algúns homes e enviounos ó rei Demetrio para pedirlle que perdoase os impostos ó país, porque as intervencións de Trifón foran verdadeiras rapinadas. 35O rei Demetrio contestou a esta petición coa carta seguinte:
36—"O rei Demetrio saúda a Simón, Sumo Sacerdote e amigo dos reis, ós anciáns e ó pobo xudeu.
37Recibimos a coroa de ouro e a palma que nos mandastes, e estamos dispostos a facer convosco unha paz duradeira, e a escribir ós funcionarios para que vos perdoen os impostos.
38Segue tendo valor todo canto ordenamos en favor voso, e as fortalezas que construístes quedan para vós.
39Tamén vos perdoamos as faltas e as ofensas cometidas ata o día de hoxe, e a coroa que me debedes. E se Xerusalén ten algún imposto, non se vos cobrará máis.
40Se algún de vós está disposto a alistarse na nosa garda persoal pódeo facer.
E que haxa paz entre nós".
41No ano cento setenta Israel ceibouse do xugo estranxeiro, 42e empezáronse a datar así os documentos e os contratos: —"Ano primeiro de Simón, Sumo Sacerdote, xeneral e xefe dos xudeus".
43Daquela acampou Simón fronte a Guézer e cercouna coas súas tropas; construíu unha torre de asalto, achegouna á cidade e atacou unha das torres, que deu tomado. 44Cando os que ían na torre de asalto entraron na cidade, armouse dentro unha grande axitación. 45Os habitantes da cidade coas súas mulleres e os seus fillos, subiron ás murallas, racharon os seus vestidos e pedíronlle a paz a Simón berrando:
46—"Non nos trates como merecen as nosas maldades, senón segundo a túa misericordia".
47Simón calmouse e deixou de atacar, pero expulsounos da cidade, purificou as casas nas que había ídolos e entrou logo entre cántigas de loanza e de agradecemento. 48Botou fóra da cidade toda impureza, e instalou nela xente observante da Lei; fortificouna e construíu nela unha casa para el.
49Os que vivían na cidadela de Xerusalén, como non podían nin saír nin entrar na bisbarra, pasaban moita fame, e moitos deles morreron mazmidos. 50Pedíronlle a Simón que lles concedese a paz, e el concedéullela, pero expulsounos de alí e limpou a cidadela de todas as profanacións. 51O día vintetrés do mes segundo do ano cento setenta e un os xudeus entraron na cidadela entre cántigas de loanza, con palmas, e ó son de cítaras, tambores e arpas, con himnos e cancións, porque acabaran por fin cun grande inimigo de Israel.
52Simón mandou que todos os anos se celebrase cunha festa aquela data. Fortificou o monte do templo, que está ó pé da cidadela, e viviu alí cos seus. 53E vendo que o seu fillo Xoán era xa todo un home, nomeouno xefe de todo o exército, con residencia en Guézer.