1 Reis 3
3
A sabedoría de Salomón. Soño en Gabaón
1Salomón emparentou co faraón, rei de Exipto, casando coa súa filla. Levouna á cidade de David, mentres acababa de construír o seu pazo, o templo do Señor e os muros de Xerusalén.
2O pobo ofrecía sacrificios nos altares dos outeiros, pois daquela aínda no se construíra o templo para o nome do Señor. 3Salomón amaba ó Señor, seguindo as normas de seu pai David. Pero ofrecía sacrificios e queimaba incenso nos altares dos outeiros. 4O rei foise a Gabaón, para ofrecer alí sacrificios, pois aquel era o outeiro principal. Encima do seu altar ofreceu Salomón un milleiro de holocaustos.
5En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle: —"Pídeme o que queiras".
6Salomón respondeulle: —"Ti trataches con moita bondade ó teu servo David, meu pai; e el portouse diante de ti con lealdade, con xustiza e con rectitude de corazón. Ti conservácheslle o teu favor, concedéndolle un fillo, que hoxe senta no seu trono. 7Agora, Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. 8O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar. 9Concédelle, pois, ó teu servo un corazón atento, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
10O Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo. 11E díxolle: —"Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, 12vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois. 13E dareiche tamén o que non pediches: riqueza e gloria, coma non as tivo rei ningún. 14Se vas polos meus camiños e gardas os meus preceptos e os meus mandamentos, como fixo teu pai David, dareiche unha longa vida".
15Espertou Salomón e viu que tivera un soño. Volveu para Xerusalén e presentouse diante da Arca da Alianza do Señor. Ofreceu holocaustos e sacrificios de comuñón, e convidou ó banquete a todos os seus servidores.
Sabedoría xudicial
16Daquela viñeron dúas prostitutas e presentáronse diante do rei. 17Unha delas contoulle isto: —"Escoita, meu señor; eu e esta muller vivimos xuntas nunha casa. E estando as dúas no mesmo cuarto eu dei a luz. 18O terceiro día de eu parir, pariu tamén esta muller. Estabamos xuntas as dúas , e na casa non había ninguén máis, fóra de nós as dúas. 19Unha noite morreu o fillo desta muller, porque ela se recostou enriba del. 20No medio da noite ergueuse e colleu o meu fillo de onda min; namentres durmía a túa serva, deitouno no colo dela e deitou o morto no meu. 21Cando me erguín, pola mañá, para dar o peito ó meu fillo, decateime que estaba morto. A luz do día mirei ben, e vin que aquel non era o fillo que eu parira".
22Nisto dixo a outra muller: —"Non; o meu fillo é o vivo, e o teu é o morto". E a primeira insistiu: —"Non; o teu fillo é o morto; e o meu, o vivo". E rifaban diante do rei.
23Entón falou o rei: —"Unha di: o meu fillo é o que está vivo, e o teu é o morto; e a outra di: non, o teu fillo é o morto; e o meu, o vivo". 24E o rei mandou: —"Traédeme unha espada". E leváronlle a espada ó rei. 25Este ordenou: —"Cortade en dous o neno vivo e dádelle unha metade a cada unha".
26Entón á nai do neno vivo movéuselle o corazón polo seu fillo, e dixo: —"Por favor, meu señor; que lle dean a ela o neno vivo. Non o maten". Pero a outra dicía: —"Nin para min nin para ti. Que o dividan".
27Niso dixo o rei: —"Dádelle á primeira o neno vivo. Esa é súa nai". 28Israel todo coñeceu a sentencia de Salomón, e colléronlle moito respecto, vendo que Deus lle dera sabedoría para administrar xustiza.
Currently Selected:
1 Reis 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT