1 Xoán 3
3
1Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. 2Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é. 3Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma el.
4Todo aquel que peca comete unha ruindade, xa que o pecado é esa rebeldía. 5E xa sabedes que el se presentou para quitar os pecados, xa que nel non hai pecado. 6A quen segue en comuñón con el, non lle dá por pecar: quen peca é que non o viu nin o coñeceu.
7Meus fillos, que ninguén vos extravíe: quen fai o que é xusto, vólvese xusto, xa que imita a Aquel que é xusto. 8Quen comete pecado, vén do demo, xa que o demo é pecador desde o comezo. Por isto se fixo ver o Fillo de Deus, para acabar coas obras do demo. 9Quen naceu de Deus, xa non comete pecado, porque a semente de Deus queda nel: xa non pode pecar, porque naceu de Deus. 10Nisto é onde se ven os que son fillos de Deus e os que son fillos do demo.
Cuarto criterio: o amor ó próximo
Quen non fai o que é xusto, isto é, quen non quere ben a seu irmán, non vén de Deus. 11Porque esta é a mensaxe que oístes desde o comezo: que nós nos amemos uns ós outros. 12Non coma Caín, que, vindo da caste do demo, degolou a seu irmán. E por que o degolou? Porque os seus feitos eran do demo, mentres que os do seu irmán eran xustos.
13Non vos admiredes, irmáns, de que o mundo vos teña odio. 14Ollade que nós sabemos que pasamos da morte á vida en que lles queremos ben ós irmáns; o que non quere ben, permanece na Morte. 15Quen odia a seu irmán é un asasino e xa sabedes que ningún asasino leva en si a vida eterna.
16Soubemos o que é o amor desde que el deu a súa vida por nós e entón decatámonos de que nós temos que dar a vida polos irmáns. 17Pois como pode estar o amor de Deus naquel que, tendo moitos bens deste mundo e vendo pasar necesidade ó irmán, lle cerra as entrañas? 18Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade.
Confianza con Deus
19Deste xeito saberemos que vivimos conforme a verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus. 20Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo. 21Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus 22e El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada.
23Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns ós outros, coma el nos mandou. 24O que cumpre cos seus mandamentos, está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.
Currently Selected:
1 Xoán 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT