YouVersion Logo
Search Icon

1 Crónicas 19

19
Victoria sobre os amonitas
1Despois disto morreu Nahax, rei dos fillos de Amón, e sucedeulle no trono o seu fillo.
2David dixo: —"Amostrareille a miña bondade a Hanún, fillo de Nahax, pois seu pai mostrouse benévolo comigo". E envioulle unha embaixada para consolalo pola morte de seu pai. Pero cando os enviados de David chegaron á terra dos fillos de Amón e se presentaron a Hanún para consolalo, 3os xefes dos fillos de Amón dixeron a Hanún: —"Coidas que David che dá o pésame para honrar a memoria de teu pai? Non será máis ben que viñeron para recoñecer a cidade e explorar a terra para preparar a desfeita do país?"
4Entón, Hanún, apresando os servos de David, rapounos e cortoulles os vestidos polo medio ata as nádegas, e logo despachounos.
5Fóronse eles, e David, que soubo o que lles sucedera ós seus homes, mandou xentes que lles saísen ó camiño, pois se atopaban en gran confusión. Dixéronlles: —"Ficade en Xericó ata que vos medre a barba, e logo volvede".
6Os fillos de Amón viron que se fixeran odiosos a David, e Hanún e os fillos de Amón mandaron mil talentos de prata para contratar os carros e os cabaleiros de Mesopotamia, de Macah e de Sobah.
7Tomaron a soldo trinta e dous mil carros e ó rei de Macah e ó seu pobo, que viñeron acampar diante de Medebá.
8O recibir David estas novas, mandou contra eles a Ioab e a todo o exército, todos eles homes valentes.
9Os fillos de Amón saíron e ordenáronse en batalla á entrada da cidade; os reis que viñeron para axudalos tomaron posición á parte no campo.
10Ioab, vendo que tiña contra quen combater de fronte e polas costas, escolleu entre os máis valentes do exército de Israel un corpo para marchar contra os sirios, 11e o resto do exército púxoo ás ordes de seu irmán Abixaí para facer fronte ós fillos de Amón, 12dicíndolle: —"Se os sirios son máis fortes ca min, acudirasme ti; se os fillos de Amón son máis fortes ca ti, irei eu na túa axuda. 13Esfórzate e loitemos polo noso pobo e polas cidades do noso Deus, e faga Iavé o que mellor lle pareza".
14Avanzou Ioab cos seus para atacaren ós sirios, que fuxiron ante el, 15e os fillos de Amón, cando viron que os sirios fuxiran, puxéronse tamén en fuga diante de Abixaí, irmán de Ioab, e encerráronse na cidade. Ioab volveu a Xerusalén.
16Vendo os sirios que foran derrotados por Israel, mandaron buscar os sirios do outro lado do Éufrates, que viñeron ó mando de Xofac, xefe do exército de Hadadézer. 17Sóuboo David e reuniu a todo Israel, e, pasando o Xordán, marchou contra eles, alcanzounos e preparouse a atacalos. 18Os sirios, despois de se bateren con el, fuxiron diante de Israel, e David matoulles sete mil homes de carros e corenta mil soldados de a pé. Matou tamén a Xofac, xefe do exército. 19Os homes de Hadadézer, véndose derrotados por Israel, fixeron as paces con David e sometéronselle. Non volveron máis os sirios a socorrer ós fillos de Amón.

Currently Selected:

1 Crónicas 19: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in