1 Crónicas 12
12
Guerreiros que se uniron a David xa en tempos de Xaúl
1Estes son os que viñeron a unirse a David en Siquelag, cando estaba lonxe de Xaúl fillo de Quix. Eran algúns dos soldados que lle prestaron axuda durante a guerra. 2Eran arqueiros e tiraban pedras o mesmo coa man dereita que coa esquerda e tiraban frechas co arco. Eran todos de Benxamín, do clan dos irmáns de Xaúl. 3Os xefes eran Ahiézer e Ioax, fillos de Xemaah, de Guibah; Ieziel e Pélet, fillos de Azmávet; Beracah e Iehú, de Anatot; 4Ixmaías, de Gabaón, soldado entre os trinta e xefe dos trinta; 5Xeremías, Iahziel, Iohanán, Iozabad, de Guederah; 6Eluzai; Ierimot, Balías, Xemarías, e Xefatías, de Harif; 7Elcanah, Isaías, Azarel, Ioézer e Iaxobam, descendentes de Coré; 8Ioelah e Zebadías, fillos de Ieroham, de Guedor.
9Tamén de entre os gaditas foron unirse a David, no refuxio do deserto, soldados entendidos na guerra, armados de escudo e lanza, semellantes a leóns e lixeiros coma cabras do monte.
10Ézer era o xefe; Abdías, o segundo; Eliab, o terceiro; 11Mixmanah, o cuarto; Xeremías, o quinto; 12Ataí, o sexto; Eliel, o sétimo; 13Iohanán o oitavo; Elzabad, o noveno; 14Xeremías, o décimo; Macbanai, o undécimo. 15Eran fillos de Gad, xefes do exército. Un só, o menor de todos, valía por cen; o máis vello, por mil. 16Estes foron os que pasaron o Xordán no primeiro mes, cando desbordaba por todas as súas beiras, e puxeron en fuga a todos os habitantes dos vales, a oriente e occidente.
17Houbo tamén entre os fillos de Benxamín e de Xudá quen se uniu a David no refuxio. 18David saíulles ó encontro e díxolles: —"Se vindes a min con boas intencións, para axudarme, o meu corazón farase a vós, pero se é para enganarme en proveito dos meus inimigos, estando as miñas mans limpas de iniquidade, véxao o Deus de nosos pais, e que el xulgue". 19Entón revestiuse do espírito Amasai, que era o xefe dos trinta, e exclamou: —"Paz a ti e ó pobo, fillo de Ixaí. Paz a ti e a cantos te axudan, pois o teu Deus está da túa parte".
David recibiunos e fíxoos xefes das tropas.
20Tamén dos fillos de Menaxés, viñeron algúns xuntarse con David cando foi cos filisteos á batalla contra Xaúl, aínda que non combateu, porque os príncipes dos filisteos, celebrando o consello, despedírono dicindo: —"Pasaríase a Xaúl, con perigo das nosas cabezas". 21Cando marchou de Siquelag, estes foron os que se lle uniron de Menaxés: Adnah, Iozabad, Iediel, Micael, Iozabad, Elihú e Siltai, xefes de millares de Menaxés. 22Axudaron a David contra as bandas de ladróns, pois eran todos homes valerosos e viñeron ser xefes do exército. 23Día a día chegaban xentes a unirse a David, ata que deu en ter un gran exército, coma un exército de Deus.
Guerreiros que viñeron a Hebrón para facer rei a David
24Velaquí o número de homes de guerra que armados viñeron a David, a Hebrón, para transferirlle o reino de Xaúl, segundo o mandato de Iavé:
25Dos fillos de Xudá armados de escudo e lanza, seis mil oitocentos homes de guerra. 26Dos fillos de Simeón, homes valorosos para a guerra, sete mil cen. 27Dos fillos de Leví, catro mil seiscentos; 28e Iehoiadá, príncipe de Aharón, e con el tres mil setecentos; 29e Sadoc, mozo e valoroso, con vinte e dous dos príncipes da casa de seu pai. 30Dos fillos de Benxamín, e irmáns de Xaúl, tres mil, pois ata entón a maior parte deles permaneceran fieis á casa de Xaúl. 31Dos fillos de Efraím, vinte mil oitocentos homes con sona de valentes, segundo as casas de seus pais. 32Da media tribo de Menaxés, dezaoito mil, designados nominalmente para iren proclamar rei a David. 33Dos fillos de Isacar, expertos en coñecer o que se tiña que facer en Israel, douscentos de entre os seus xefes, con todos os seus irmáns baixo as súas ordes. 34De Zebulón, cincuenta mil, en idade de tomar as armas, provistos de armas de todo xeito para o combate, dispostos a facer batalla con ánimo resolto. 35De Naftalí, mil xefes, e con eles trinta e sete mil soldados, que levaban escudo e lanza. 36De Dan, armados para a guerra, vinte e oito mil seiscentos. 37De Axer, homes de guerra prontos para o combate, corenta mil. 38E da outra beira do Xordán, dos rubenitas, dos gaditas e da media tribo de Menaxés, cento vinte mil con armas de todas as clases.
39Todos estes homes, xente de guerra, dispostos para o combate, chegaron a Hebrón con leal corazón para faceren a David rei de todo Israel, e todo o resto de Israel estaba igualmente de acordo en querer a David por rei. 40Estiveron alí tres días con David, comendo e bebendo, pois os seus irmáns subministráronlles as provisións, 41e aínda os de Isacar, Zebulón e Naftalí, traían fariña, figos secos, viño e aceite en burros, camelos e bois, tamén vacas e ovellas de abondo.
Currently Selected:
1 Crónicas 12: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT