Romanos 9
9
O MISTERIO DE ISRAEL
A elección de Israel
1Coma discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: 2que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido. 3Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe. 4Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria de Deus e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; 5A eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo coma home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén.
6Non é, de ningún xeito, que a palabra de Deus fallase. O que pasa é que non todos os que veñen de Israel son israelitas, 7nin todos os que nacen de Abraham son fillos seus. Máis ben: en Isaac estará a túa descendencia; 8isto é, non os fillos da carne son por iso fillos de Deus, senón que só os fillos da promesa son recoñecidos coma descendencia. 9Pois as palabras da promesa son: Por este mesmo tempo virei e Sara terá un fillo.
10Pero isto non é todo. Tamén Rebeca tivo dous fillos dun só home, de Isaac, o noso pai. 11E, cando aínda non naceran, nin puideran facer nada, nin bo nin malo a fin de que continuase firme o plan de Deus, que depende da súa elección: 12non das obras senón del, que chama xa se lle dixo a Rebeca: o máis grande servirá ó máis pequeno, 13tal como está escrito: quixen a Xacob, preferino a Esaú.
14Tiramos, logo, a conclusión de que Deus é inxusto?
De ningunha maneira. 15Pois díxolle a Moisés:
Heime compadecer de quen eu queira,
e hei ter misericordia de quen eu queira.
16Polo tanto, non depende do querer ou do correr do home, senón de que Deus se compadeza. 17Pois di a Escritura ó Faraón: Para isto te levantei: para mostrar en ti o meu poder e para que se proclame o meu nome en toda a terra. 18En resumo: de quen quere compadécese, e a quen quere enduréceo.
Liberdade e misericordia de Deus
19Quizais me dirás: por que aínda se queixa, logo? Quen é capaz de contradicir a súa vontade?
20Home! E quen es ti para contradicires a Deus? Poderalle dicir o barro a quen o modela: por que me fas así? 21Ou non ten poder o oleiro para facer da mesma masa un cacharro nobre ou un cacharro para usos comúns? 22E que, se Deus, querendo mostrar a súa ira e dar a coñecer o seu poder, soportou con moita paciencia ós que eran obxecto de reprobación, listos xa para a destrución; 23e isto para dar a coñecer a abundancia da súa gloria en favor dos que eran obxecto de misericordia, que de antemán preparou para a gloria? 24(Estes somos nós, que nos chamou non só de entre os xudeus, senón tamén de entre os xentís).
25Pois iso é o que se di en Oseas:
Hei chamar "meu pobo" a quen non é o meu pobo,
e á non amada, "a miña amada";
26e no lugar onde se lles dixo:
"vós non sodes o meu pobo",
alí mesmo hanse chamar "fillos do Deus vivo".
27E Isaías proclama a propósito de Israel:
Aínda que o número dos fillos de Israel sexa coma o das areas do mar,
hase salvar un resto soamente:
28Totalmente e sen tardanza cumprirá o Señor a súa palabra na terra.
29E conforme dixo tamén Isaías:
Se o Señor dos Exércitos
non nos deixase unha descendencia,
pasaríanos coma ós de Sodoma,
semellariámonos ós de Gomorra.
Israel seguiu a Lei
30Temos que concluír, logo, que os pagáns, que non buscaban xustificación, conseguiron a xustificación? Si, pero a xustificación que vén da fe. 31Israel, en cambio, que buscou con gran esforzo unha lei que dese a xustificación, non conseguiu tal lei.
32E por que? Porque non a buscaron pola fe, senón polas obras: bateron na pedra 33da que fala a Escritura:
Ollo! Que poño en Sión unha pedra de tropezo, un rebo que fai caer;
pero quen crea nel non quedará defraudado.
Iliyochaguliwa sasa
Romanos 9: ABGS
Kuonyesha
Nakili
Linganisha
Shirikisha
Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia
Dereitos reservados: SEPT