Feitos 24
24
1Cinco días despois baixou o xefe dos sacerdotes Ananías con algúns senadores e un tal Tértulo, avogado, e presentaron queixa ó gobernador contra Paulo. 2Citado Paulo, Tértulo comezou a acusación nestes termos:
A gran paz que gozamos grazas a ti e ás reformas que este país debe á túa providencia, 3recoñecémola en todo e en todas partes, excelentísimo Fiz, con suma gratitude. 4Pero, para non te incomodar demasiado, pídoche que nos escoites brevemente coa túa benevolencia. 5Nós descubrimos que este home é unha peste: fomenta enlizos entre todos os xudeus que hai polo mundo enteiro e é cabeza do partido dos Nazarenos. 6-7Incluso intentou profanar o templo; entón nós prendémolo. 8Interrogándoo ti mesmo, poderás coñecer por el todas estas cousas de que o acusamos.
9Os xudeus apoiárono, asegurando que as cousas eran así.
Paulo deféndese
10O gobernador acenoulle para que falase e entón Paulo respondeu:
Como sei que hai moitos anos es xuíz desta nación, vou facer confiadamente a miña defensa. 11Ti mesmo podes comprobar que non hai máis de doce días subín a Xerusalén para adorar, 12e que nin no Templo, nin nas sinagogas nin pola cidade, ninguén me viu discutindo con ninguén nin revolvendo na xente. 13Eles non poden probar as cousas de que agora me acusan. 14Non obstante confésoche o seguinte: é seguindo o Camiño, que eles chaman partido, como adoro ó Deus dos nosos pais, crendo todo o que está escrito na Lei e nos Profetas, 15tendo en Deus a esperanza que estes mesmos teñen: que haberá resurrección de xustos e inxustos. 16Por iso, esfórzome sempre en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e diante dos homes. 17Despois de moitos anos, vin traer esmolas ós da miña nación e ofrendas. 18Uns xudeus de Asia acháronme no templo, xa purificado, sen xuntanza nin algueirada: 19eles son os que tiñan que presentarse diante do teu tribunal e acusarme, se tiñan algo contra min. 20E, se non, que digan estes que crime descubriron cando comparecín diante do Sanedrín, 21como non sexa aquel berro que botei no medio deles: "é por causa da resurrección dos mortos, que se me xulga hoxe diante de vós".
Aprazamento do xuízo. Paulo segue preso dous anos máis
22Entón Fiz, que coñecía bastante ben as cousas referentes ó Camiño, aprazoulles a causa, dicindo:
Cando baixe o tribuno Lisias, decidirei o voso asunto.
23E ordenou ó centurión que o gardase, pero con consideración e sen o privar da asistencia dos seus.
24Algúns días despois chegou Fiz coa súa muller Drusila, que era xudía. Mandou chamar a Paulo e escoitouno acerca da fe en Cristo. 25Pero, como Paulo falaba da xustiza, do dominio de si e do Xuízo futuro, Fiz arrepiado dixo:
Polo de agora vaite, cando teña máis tempo mandareite chamar.
26Contaba que tamén Paulo lle dese cartos; por iso mandábao chamar adoito e conversaba con el. 27Despois de dous anos, recibiu Fiz como sucesor a Porcio Festo. E querendo congraciarse cos xudeus, deixou preso a Paulo.
Iliyochaguliwa sasa
Feitos 24: ABGS
Kuonyesha
Nakili
Linganisha
Shirikisha
Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia
Dereitos reservados: SEPT