Feitos 23
23
1Paulo entón, ollando para o Sanedrín, dixo:
Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus.
2Pero o xefe dos sacerdotes Ananías, mandou ós que o custodiaban que lle batesen na boca. 3Entón Paulo díxolle:
Hache pegar Deus a ti, parede caleada!
Sentas para xulgarme conforme á Lei e mandas que me peguen violando a Lei?
4Os que o custodiaban dixéronlle:
Insultas ó Sumo Sacerdote de Deus?
5Paulo respondeu:
Irmáns, non sabía que fose Sumo Sacerdote. Si, a Escritura di: Non dirás mal do xefe do teu pobo.
6Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do Sanedrín:
Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga.
7Cando dixo isto, armouse unha disputa entre os fariseos e os saduceos e dividiuse a asemblea, 8porque os saduceos non admiten nin resurrección nin anxos nin espíritos, mentres que os fariseos cren nestas tres cousas. 9Fíxose un gran rebumbio; erguéronse algúns escribas do partido dos fariseos e dicían afoutos:
Non atopamos nada malo neste home: e se é certo que lle falou un espírito ou un anxo?
10A liorta ía a maiores e o tribuno, temendo que esnaquizasen a Paulo, ordenou á tropa que baixase a quitalo do medio deles para o levar ó cuartel.
11A noite seguinte, aparecéuselle o Señor e díxolle:
Animo, que así como deches testemuño de min en Xerusalén, cómpre tamén que o deas en Roma.
Conspiración dos xudeus para mataren a Paulo
12O raiar o día, os xudeus fixeron unha conspiración e conxuráronse a non comer nin beber ata mataren a Paulo. 13Eran máis de corenta os conxurados 14e fóronse presentar ós xefes dos sacerdotes e ós senadores para dicirlles:
Xuramos, baixo pena de maldición, non probar nada ata que matemos a Paulo. 15Vós, logo de acordo co Sanedrín, pedídelle ó tribuno que volo traia diante de vós, como para examinardes máis a fondo o seu caso; pola nosa banda, estamos dispostos a matalo antes de que chegue.
16Pero o fillo da irmá de Paulo, soubo da trapela, foi e entrou no cuartel e contoullo a Paulo. 17Este chamou ó centurión e díxolle:
Acompaña a este rapaz cabo do tribuno, pois ten algo que lle comunicar.
18O centurión tomouno e levouno ó tribuno e díxolle:
O preso Paulo chamoume para me pedir que che trouxese este mozo, que ten que falarche unha palabra.
19O tribuno colleuno pola man, levouno á parte e preguntoulle:
Que tes para me dicir?
20E díxolle:
Os xudeus concordaron en pedirche que mañá baixes a Paulo diante do Sanedrín, coa escusa de examinaren o caso con máis información. 21Ti non te fíes; máis de corenta homes deles prepáranlle unha celada e comprometéronse baixo xuramento a non comeren cousa nin beberen ata que o maten; e xa están dispostos, agardando polo teu consentimento.
22O tribuno, entón, despediu ó rapaz, recomendándolle que non dixese que o avisara.
PAULO PROCESADO EN CESAREA
Proceso ante Fiz
23Despois mandou chamar a dous dos centurións e díxolles:
Tede preparados para iren a Cesarea douscentos soldados, setenta homes de a cabalo e douscentos auxiliares, a partir das nove da noite; 24que haxa tamén cabalos para montar a Paulo e levalo san e salvo ó gobernador Fiz.
25E escribiu unha carta nestes termos:
26"Claudio Lisias ó moi excelente gobernador Fiz, saúde! 27A este home collérano os xudeus e íano matar, cando aparecín eu coa tropa e libereino, ó saber que era romano. 28Querendo saber de que o acusaban, fíxeno baixar diante do Sanedrín. 29Resulta que as acusacións eran por cuestión da Lei deles, sen ningún cargo que merecese a morte ou a cadea. 30Avisado de que preparan unha conxura para o mataren, envíocho sen agardar máis, e notifico ós seus acusadores que presenten no teu tribunal o que teñan contra el".
31Os soldados, tal como se lles ordenara, colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris. 32Para o outro día, deixando que os de a cabalo fosen con el, volveron ó cuartel. 33Chegados os cabaleiros a Cesarea, entregáronlle a carta ó gobernador e presentáronlle tamén a Paulo.
34Lida a carta, o gobernador preguntou de que provincia era, e cando soubo que de Cilicia, díxolle:
35Escoitarei cando veñan os teus acusadores.
E mandou que o gardasen no pazo de Herodes.
Iliyochaguliwa sasa
Feitos 23: ABGS
Kuonyesha
Nakili
Linganisha
Shirikisha
Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia
Dereitos reservados: SEPT