Chapa ya Youversion
Ikoni ya Utafutaji

Feitos 18

18
Paulo en Corinto. Problemas cos xudeus
1Despois disto Paulo deixou Atenas e foise para Corinto. 2Alí atopou un xudeu chamado Aquila, natural do Ponto, que acababa de chegar de Italia con Priscila, a súa muller, por cousa dun edicto de Claudio, que mandaba que todos os xudeus marchasen de Roma. Xuntouse con eles, 3e como eran do mesmo oficio, quedou a traballar na casa deles (eran tecedores de lonas).
4Cada sábado discutía na sinagoga, tratando de convencer a xudeus e a gregos. 5Cando Silas e Timoteo chegaron de Macedonia, Paulo dedicouse de cheo á palabra, atestando perante os xudeus que Xesús é o Mesías. 6Pero como eles se lle repoñían xurando, díxolles, sacudindo a roupa:
Que o voso sangue veña sobre a vosa cabeza; eu non teño culpa. De agora en diante voume ós pagáns.
7E marchando de alí, foi á casa dun tal Ticio Xusto, seguidor do xudaísmo, que vivía a carón da sinagoga. 8Crispo, o xefe da sinagoga, creu no Señor con toda a súa familia, e moitos corintios que escoitaban a Paulo abrazaron a fe e bautizáronse.
9Unha noite, en visión, díxolle o Señor a Paulo: "non recees, sigue falando e non cales; 10que eu estou contigo e ninguén arremeterá contra ti, que teño un pobo numeroso nesta cidade". 11Entón botou alí ano e medio, ensinándolles a palabra de Deus.
12Sendo Galión procónsul de Acaia, os xudeus todos á xunta foron contra Paulo e levárono diante do tribunal, 13dicindo:
Este home anda a convencer na xente para que dean culto a Deus dun xeito contrario á Lei.
14Aínda Paulo non abrira a boca e Galión díxolles ós xudeus:
Se se tratase dalgunha inxustiza ou delito grave, sería de razón atendervos con paciencia; 15pero como é cuestión de palabras, de nomes e da vosa Lei, amañádevos vós. Eu non quero ser xuíz desas cousas.
16E mandounos saír do tribunal. 17Entón, botaron man de Sóstenes, o xefe da sinagoga, e déronlle unha malleira diante do tribunal, pero Galión non quixo saber nada.
Regreso a Antioquía por Éfeso
18Paulo aínda botou alí ben días. Despois despediuse dos irmáns e embarcou para Siria en compaña de Priscila e Aquila. En Céncreas rapou a cabeza, porque se ofrecera. 19Chegaron a Éfeso e alí separáronse. Entrou na sinagoga e discutía cos xudeus; 20pedíronlle que ficase máis tempo, pero el non quixo, 21e despediuse dicindo:
Hei volver onda vós, se Deus quere.
E marchou de Éfeso. 22Logo de desembarcar en Cesarea, subiu a saudar a Igrexa e baixou a Antioquía.
TERCEIRA VIAXE DE PAULO
23Pasado algún tempo, marchou e percorreu sucesivamente o país gálata e a Frixia, fortalecendo a todos os discípulos.
Predicación de Apolo en Éfeso e Corinto
24Chegou a Éfeso un xudeu chamado Apolo, natural de Alexandría, que falaba moi ben e dominaba as Escrituras. 25Instruírase no camiño do Señor e con espírito afouto predicaba e ensinaba con exactitude no tocante a Xesús, aínda que só coñecía o bautismo de Xoán.
26Púxose a falar barilmente na sinagoga. Priscila e Áquila, que o sentiran, levárono consigo e expuxéronlle con máis precisión o camiño de Deus. 27Como el quería ir para Acaia, os irmáns animárono e escribíronlles ós discípulos, para que o acollesen. De chegado, foilles de gran axuda ós que pola graza abrazaran a fe, 28pois con forza refutaba en público ós xudeus, demostrando polas Escrituras que Xesús era o Mesías.

Iliyochaguliwa sasa

Feitos 18: ABGS

Kuonyesha

Nakili

Linganisha

Shirikisha

None

Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia