Chapa ya Youversion
Ikoni ya Utafutaji

Feitos 17

17
En Tesalónica. Problemas cos xudeus
1Atravesando por Anfípolis e Apolonia, chegaron a Tesalónica, onde había unha sinagoga dos xudeus. 2Como de costume, Paulo foi para onda eles e durante tres sábados discutiron. Apoiándose nas Escrituras, 3explicáballes que o Mesías tiña que sufrir e resucitar de entre os mortos, e que ese Mesías "é Xesús, a quen eu vos anuncio".
4Algúns deles convencéronse e uníronse a Paulo e Silas, así coma moitos gregos seguidores do xudaísmo e bastantes mulleres de categoría.
5Non obstante, os xudeus, cheos de envexa, xuntando algúns pillabáns dos peoriños, armaron un rebumbio na cidade, e presentáronse en casa de Iasón en busca deles, para levalos diante do pobo. 6Como non os encontraron, arrastraron a Iasón e algúns dos irmáns diante das autoridades locais, berrando:
Eses, que andan revolucionando o mundo enteiro, tamén viñeron aquí, 7e Iasón recibiunos na súa casa. Todos van contra os decretos do emperador, dicindo que é rei un tal Xesús.
8Con isto desconcertaron ó pobo e ás autoridades locais que tal oían. 9Pero, despois de recibiren unha fianza de Iasón e dos demais, soltáronos.
En Berea. Boa acollida
10E axiña, de noite, os irmáns fixeron marchar a Paulo e Silas cara a Berea. O chegaren, dirixíronse á sinagoga dos xudeus. 11Es-tes eran máis nobres cós de Tesalónica e recibiron a palabra con todo interese, investigando todos os días as Escrituras, para veren se aquilo era así. 12Moitos deles creron e tamén bastantes señoras gregas das máis distinguidas, así coma os homes.
13Cando os xudeus de Tesalónica souberon que tamén en Berea anunciara Paulo a palabra de Deus, foron alí enlizar e axitar a xente. 14Entón os irmáns, sen tardar, mandaron a Paulo cara ó mar. Silas e Timoteo ficaron alí.
Paulo en Atenas
15Os que conducían a Paulo levárono a Atenas e volveron coa encomenda de que Silas e Timoteo fosen con todo o apuro onda el. 16Mentres Paulo agardaba por eles en Atenas, consumíase por dentro, vendo que a cidade estaba chea de ídolos. 17Comezou, logo, a discutir na sinagoga cos xudeus e os seguidores do xudaísmo e na praza todos os días cos que aparecían por alí.
18Algúns filósofos epicúreos e estoicos conversaban con el; uns dicían: "que quererá dicir este lingoreteiro?". E outros: "parece ser un predicador de deuses estranxeiros". (É que anunciaba a Xesús e a resurrección). 19Entón levárono con eles ó Areópago, dicíndolle:
Podemos saber que é esa nova doutrina que ensinas? 20Porque ti dis cousas que nos sorprenden e queremos saber de que se trata.
21(Os atenienses e estranxeiros que vivían alí pasaban o tempo contando ou escoitando a última novidade).
Discurso de Paulo no Areópago
22Entón Paulo, de pé no medio do Areópago, dixo:
Atenienses, vexo en todo que sodes moi relixiosos, 23pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: "O deus descoñecido". Ben, pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio: 24o Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai, o Señor do ceo e mais da terra, non habita en santuarios feitos pola man dos homes, 25nin o serven mans humanas, coma se precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento. 26Dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios, 27para que o buscasen a El e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de cada un de nós, 28posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos vosos poetas dixeron: "porque somos incluso da súa caste". 29Así que, sendo da liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ó ouro, á prata ou á pedra, traballados pola maña e a imaxinación do home. 30Ora ben, pasando por alto os tempos de ignorancia, agora manda Deus ós homes que todos en todas partes se arrepintan. 31Porque estableceu un día no que ha xulgar o mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a garantía disto, resucitándoo de entre os mortos.
32O sentiren falar de "resurrección de mortos", uns burlábanse e outros dicíanlle:
Ben, home, ben. Diso xa te escoitaremos noutra ocasión.
33Con estas, Paulo marchou do medio deles. 34Mesmo así, xuntáronselle algúns homes e creron, entre eles Dionisio Areopaxita, unha muller chamada Dámaris e outros.

Iliyochaguliwa sasa

Feitos 17: ABGS

Kuonyesha

Nakili

Linganisha

Shirikisha

None

Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia