Chapa ya Youversion
Ikoni ya Utafutaji

Feitos 16

16
Timoteo únese á misión de Paulo
1Chegou tamén a Derbe e Listra. Había alí un discípulo, chamado Timoteo, fillo dunha xudía crente e de pai grego, 2do que falaban ben os irmáns de Listra e de Iconio. 3Paulo quixo que fose con el e circuncidouno por mor dos xudeus daquela bisbarra, pois todos sabían que o pai era grego.
4Polas cidades que pasaban transmitíanlles as decisións tomadas polos apóstolos e responsables en Xerusalén, para que as cumprisen. 5Deste xeito as Igrexas quedaban confirmadas na fe e medraban en número cada día. 6Impedidos polo Espírito Santo de predicar a mensaxe en Asia, atravesaron Frixia e a rexión de Galacia; 7chegados de fronte a Misia, tentaron de entrar en Bitinia; pero o Espírito de Xesús non llelo permitiu; 8Así que, atravesando Misia, baixaron a Tróade.
9Durante a noite, Paulo tivo unha visión: estaba alí de pé un macedonio, suplicándolle: "Pasa a Macedonia e axúdanos!"
10Logo desta visión procuramos partir de contado para Macedonia, sabedores de que Deus nos chamaba a lles anunciar a Boa Nova.
Conversión de Lidia
11Embarcamos en Tróade, dereitos a Samotracia; para o outro día a Neápolis, 12e de alí a Filipos, que era das principais cidades da rexión de Macedonia. Alí aínda botamos uns días.
13O día de sábado saímos fóra da porta cara á beira dun río, onde supoñiamos que había un lugar de oración; sentámonos, e comezamos a falar coas mulleres que se xuntaban alá. 14Unha delas, que se chamaba Lidia, tratante en púrpura, da cidade de Tiatira, que seguía o xudaísmo, púxose a escoitar, e o Señor abriulle o corazón, para que fixese caso do que dicía Paulo. 15Despois de se bautizar cos seus, rogábanos así: "se me tedes por unha fiel do Señor, vide parar na miña casa". E obrigounos.
Prisión de Paulo e Silas
16Un día pasounos que, indo nós cara ó sitio da oración, atopamos unha escrava que tiña espírito de adiviña e dáballes moitos cartos ós seus amos coas súas adiviñacións. 17Seguíanos a Paulo e a nós, berrando: "estes homes son servos do Deus Altísimo, que vos anuncian o camiño da salvación". 18Levaba así moitos días. Entón Paulo, xa farto, volveuse e díxolle ó espírito: "ordénoche no nome de Xesús Cristo que saias desa muller". E no mesmo intre saíu.
19Vendo os amos que se lles ía a esperanza do negocio, botaron man de Paulo e Silas e arrastráronos á praza pública á presenza dos xuíces. 20Presentáronos ás autoridades, dicindo: "estes homes andan perturbando a nosa cidade; son xudeus 21e predican uns costumes que coma romanos non podemos admitir nin practicar".
22A xente arrepúxose en contra deles; e os pretores, despois de facer que os espisen, mandáronos azoutar con vergallos. 23Cando xa lles deran moitos lategazos, metéronos na prisión, ordenándolle ó carcereiro que os gardase con moito tino. 24El, ó recibir tal orde, meteunos na cela de castigo e prendeulles os pés co cepo.
Conversión do carcereiro. Liberación e partida
25Pola media noite, Paulo e Silas oraban, cantando loanzas a Deus. Os outros presos escoitaban. 26De súpeto veu un terremoto tan grande que abalaron os alicerces da prisión; de golpe abríronse as portas todas e desprendéronse as cadeas de todos eles.
27Cando acordou o carcereiro e viu abertas as portas da prisión quitou a espada para se matar, coidando que os presos xa fuxiran; 28pero Paulo berroulle: "non te firas, que estamos todos aquí". 29El pediu unha luz, entrou dentro e, tremendo, botouse ós pés de Paulo e de Silas, 30levounos para fóra e díxolles:
Señores, que teño que facer para me salvar?
31Respondéronlle:
Cre no Señor Xesús e salvaraste ti e mais os da túa casa.
32E anunciáronlle a palabra do Señor, a el e mais a todos os da súa casa. 33E naquela mesma hora da noite levounos consigo, lavoulles as feridas e seguidamente bautizouse el e todos os seus. 34Despois fíxoos subir á súa casa, preparoulles a mesa, e celebraron unha festa por crer en Deus con todos os da súa casa.
35O ser día, os pretores mandaron os alguacís para lle dicir ó carcereiro: "ceiba a eses homes". 36Entón o carcereiro transmitiu a Paulo a mensaxe:
Os pretores mandan dicir que vos poña en liberdade; saíde, logo, e marchade en paz.
37Pero Paulo replicoulles:
Ou sexa, que primeiro nos azoutan á vista de todo o mundo, despois métennos no cárcere sen xuízo, a nós, que somos cidadáns romanos, e agora quérennos botar ás agachadas? Pois non. Que nos veñan ceibar eles en persoa.
38Os alguacís fóronlles dar o recado ós pretores, que colleron medo ó sentiren dicir que eran cidadáns romanos. 39Fóronlles pedir desculpas e, acompañándoos para fóra, pedíronlles que marchasen da cidade.
40O saíren do cárcere, foron á casa de Lidia; viron os irmáns, animáronos e marcharon.

Iliyochaguliwa sasa

Feitos 16: ABGS

Kuonyesha

Nakili

Linganisha

Shirikisha

None

Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia