Feitos 15
15
O CONCILIO DE XERUSALÉN
A fe en Xesús e a Lei de Moisés: o problema preséntase en Antioquía
1Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban ós irmáns: "se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar". 2Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar a cuestión cos apóstolos e os responsables. 3Así que a Igrexa deulles o preciso para a viaxe e eles atravesaron Fenicia e Samaría relatando como se convertían os pagáns e alegrando así a todos os irmáns.
O concilio de Xerusalén resolve a cuestión da Lei
4O chegaren a Xerusalén, recibiunos a Igrexa, os apóstolos e os responsables e eles contaron todo o que Deus levaba feito con eles. 5Pero erguéronse algúns da seita dos fariseos, que creran, e dicían:
Cómpre circuncidalos e mandarlles cumprir a Lei de Moisés.
6Entón os apóstolos e os responsables xuntáronse para examinaren a cuestión. 7E, despois de moito discutiren, ergueuse Pedro e díxolles:
Irmáns, ben sabedes que desde os primeiros días me escolleu Deus de entre vós, para que os pagáns oísen pola miña boca a palabra da Boa Nova e cresen. 8E Deus, que coñece os corazóns, testemuñou en favor deles, dándolles o Espírito Santo coma a nós. 9Non fixo ningunha discriminación entre eles e nós, pois purificou o seu corazón pola fe. 10Por que, logo, tentades a Deus, querendo cangar no pescozo dos discípulos un xugo que nin nosos pais nin nós fomos quen de aturar? 11Non; nós cremos que nos salvamos pola graza do Señor Xesús e que eles se salvan igualiño ca nós.
12Toda a asemblea ficou en silencio e escoitaban como Bernabé e Paulo contaban todos os sinais e prodixios realizados por Deus entre os pagáns por medio deles.
13Cando calaron, falou Santiago dicindo:
Irmáns, escoitádeme:
14Simeón contou como desde o principio Deus procurou entre os pagáns un pobo para si, 15e con isto cadran as palabras dos Profetas, conforme está escrito:
16Logo disto hei volver
e reconstruirei a tenda caída de David,
reedificarei as súas ruínas
e poñereina en pé,
17para que o resto dos homes busquen o Señor,
así como todas as nacións que xa invocan o meu nome:
dío o Señor, 18que deu a coñecer estas cousas desde tempos antigos.
19Por iso coido que non se debe importunar ós que de entre os pagáns se converten a Deus; 20chega con escribirlles que se absteñan das contaminacións dos ídolos, das unións deshonestas, das carnes afogadas e do sangue; 21pois Moisés ten desde tempos antigos predicadores en cada cidade e todos os sábados o lemos nas sinagogas.
Resolución do concilio
22Entón os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. 23E por medio deles mandaron esta carta:
"Os irmáns apóstolos e responsables saúdan ós irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia. 24Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras; 25decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo, 26que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo; 27mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas. 28Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás precisas: 29Absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde".
30Déronlles o encargo e baixaron a Antioquía, onde reuniron a xente e entregaron a carta; 31ó que a leron, alegráronse con aquel consolo. 32Xudas e Silas, que eran profetas, con moitas palabras animaban e fortalecían a fe dos irmáns. 33-34O cabo dun tempo, os irmáns déronlles a paz de despedida, pois volvían onda quen os mandaron. 35Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía, ensinando e predicando con moitos outros a palabra do Señor.
EXPANSIÓN DA IGREXA POLO MUNDO GREGO
SEGUNDA VIAXE DE PAULO
Separación de Paulo e Bernabé. Segunda viaxe misioneira
36De alí a uns días, díxolle Paulo a Bernabé:
Volvamos visitar os irmáns en todas as cidades nas que anunciamos a palabra do Señor, para vermos como lles vai.
37Bernabé quería levar tamén a Xoán, o chamado Marcos; 38pero Paulo coidaba que non o debían levar, porque se separara deles na Panfilia e non participara no traballo. 39Alporizáronse a tal punto, que se apartaron un do outro: Bernabé colleu a Marcos con el, e embarcou para Chipre; 40Paulo, pola súa banda, escolleu a Silas e, encomendado polos irmáns á graza do Señor, marchou 41Atravesando Siria e Cilicia e animando as comunidades.
Iliyochaguliwa sasa
Feitos 15: ABGS
Kuonyesha
Nakili
Linganisha
Shirikisha
Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia
Dereitos reservados: SEPT