Sabedoría 2
2
1Pois din para si argüíndo erradamente:
curta e triste é a nosa vida;
non hai menciña para o esmorecer do home
e de ninguén se sabe que volvese do Hades.
2Nacemos por acaso
e pasado o tempo seremos coma quen non existiu,
xa que o bafo do noso nariz é fume
e o pensamento, faísca do latexar do noso corazón.
3Cando ela esmoreza, o corpo hase trocar en cinsa
e esvaecerase o espírito coma aire livián.
4Co tempo esquecerase o noso nome,
ninguén vai xa lembrar os nosos feitos,
fuxirá a nosa vida coma rastro de brétema,
disipada coma néboa perseguida das raiolas do sol
e esmagada pola súa calor.
5O noso momento é o do fuxir da sombra
e non ten retorno o noso final:
pónselle o selo, e xa ninguén retorna.
6Veña logo! Gocemos dos bens que están á man!
Gocemos do creado co rebulir de xente nova!
7Enchámonos de viños de marca e de perfumes,
non deixemos fuxir ningunha flor da primavera!
8Coroémonos cos broches das roseiras antes de que murchen!
9Que non haxa prado alleo á nosa esmorga;
deixemos, todo arredor, sinais do reloucar!
Tal é a nosa parte, a nosa sorte.
10Asoballemos o pobre honrado,
non perdoemos a viúva
nin teñamos respecto para as canas venerables do ancián!
11Que sexa a nosa forza a norma da xustiza,
xa que o ser feble se estima inútil!
12Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo
e se opón ós nosos feitos,
botándonos en cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
13Gloríase de coñecer a Deus,
noméase a si mesmo fillo do Señor.
14Converteuse en censura dos nosos criterios;
soamente ollalo xa nos irrita,
15pois a súa vida difire das dos outros
e os seus vieiros son estraños.
16Coida que somos falsarios
e afástase dos nosos camiños coma da podremia;
considera feliz o destino dos xustos
e presume de ter por pai a Deus.
17Examinemos se son veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
18Se o xusto é fillo de Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
19Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia ó mal!
20Condenémolo a unha morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
21Tal pensan, mais engánanse:
cégaos a súa malicia.
22Non se decatan dos misterios de Deus
nin esperan no premio da virtude
nin afiúzan na recompensa das persoas sen chata.
23Pois Deus creou ó home para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
24mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.
Currently Selected:
Sabedoría 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT