Skip to content

Tobías 14

14
1Así rematou Tobit o seu canto de agradecemento.
Morte de Tobit
2Tobit morreu en paz á idade de cento doce anos e foi enterrado con magnificencia en Nínive. Pasaran xa sesenta e dous anos desde que perdera a vista; desde que a recobrou, viviu na abundancia e fixo esmolas, bendicindo sempre a Deus e celebrando a súa grandeza.
3A punto de morrer, chamou o seu fillo Tobías e deulle as seguintes instrucións:
4—"Fillo, leva lixeiro os teus nenos a Media; pois eu creo na palabra de Deus ó profeta Nahum contra Nínive: todo se realizará e abaterá sobre Asur e Nínive; todo canto din os profetas de Israel, enviados de Deus, hase de cumprir. Nada se quitará de todas as palabras, e todo se cumprirá no seu tempo. En Media vivirase en máis seguridade do que en Asiria ou Babilonia. Pois eu sei e creo que todo canto dixo Deus se ha de cumprir, realizarase: non se deixará de cumprir unha soa palabra dos profetas. Os nosos irmáns que habitan na terra de Israel serán empadroados e deportados lonxe desta terra feliz. Toda a terra de Israel quedará deserta, Samaría e Xerusalén quedarán desertas e o templo de Deus verase tamén desolado e queimado polas chamas durante algún tempo. 5Pero de novo terá Deus compaixón e faraos volver á súa terra de Israel. De novo construirán o seu templo, mais non coma o primeiro, ata que se cumpran os tempos fixados. Despois disto, volverán todos do seu desterro e reconstruirán esplendidamente Xerusalén. A casa de Deus será aí reconstruída segundo o que dela dixeron os profetas de Israel. 6Todos, en todas as nacións da terra enteira, virán e crerán en Deus en toda verdade. Todos abandonarán os seus ídolos mentireiros, que os extraviaban no seu erro, e bendicirán na xustiza ó Señor dos séculos. 7Todos os fillos de Israel, que serán salvos naqueles días por se lembraren do Señor na verdade, xuntaranse e virán a Xerusalén. Habitarán por sempre con seguridade na terra de Abraham que lles será devolta. Os que amen a Deus na verdade alegraranse, mais os que cometan o pecado e a iniquidade serán borrados da terra.
8E agora, fillos, velaquí as miñas instrucións: servide a Deus na verdade e facede o que lle sexa grato. Mandade ós vosos fillos practicar a xustiza e a esmola, lembrarse de Deus e de bendicir o seu nome en todo tempo, na verdade e con toda a súa alma. 9En canto a ti, fillo, vaite de Nínive, non sigas aquí. Despois de sepultares a túa nai onda min, non pases nin sequera unha noite no territorio desta cidade. Pois eu estouno vendo; hai aquí moita iniquidade e cométense nela grandes inxustizas, sen que ninguén se avergoñe. 10Considera, fillo, canto Nasbás lle fixo ó seu pai adoptivo, Ahicar: Non o fixo baixar vivo ó corazón da terra? Mais Deus vingou a infamia baixo a mirada da vítima: Ahicar saíu á luz, mentres que Nasbás entrou nas tebras eternas, por querer matar a Ahicar. Mais este, debido ás súas esmolas, escapou da trampa mortal que lle tendera Nasbás, quen quedou prendido na rede que foi a súa ruína. 11Así, pois, fillos queridos, vede o froito que dá a esmola e o que produce a iniquidade —esta produce a morte—. Pero váiseme a vida..."
Deitárono no seu leito e morreu. E foi enterrado con gran pompa.
Epílogo
12Morta tamén a nai, enterrouna Tobías co pai. Despois saíu coa súa muller para Media e habitou en Ecbátana co seu sogro Reuel. 13Colmou de atencións ós seus sogros na súa vellez. Enterrounos en Ecbátana de Media, e herdou o patrimonio de Reuel, o mesmo có de seu pai, Tobit. 14Morreu moi estimado á idade de cento dezasete anos. 15Coñeceu, antes de morrer, a ruína de Nínive e viu chegar á Media os ninivitas deportados por Ciaxares, rei de Media. Bendiciu ó Señor por todo o que fixera ás xentes de Nínive e de Asur. Alegrouse antes de morrer da sorte de Nínive, e bendiciu ó Señor Deus polos séculos dos séculos. Amén.