Cantares 4
4
Corpo xeitoso
1—Si que es belida, miña amada,
si que es belida!
Os teus ollos son pombiñas
por entre o teu veo.
Os teus cabelos, un fato de cabuxas
que baixan serpeando do monte Galaad;
2os teus dentes, grea de ovellas tosquiadas
subindo de se lavar,
todas elas preñadas de xemelgos
e ningunha hai maniña.
3Cal fita carmesí son os teus labios,
é doce a túa fala;
metades de granada as túas meixelas
por entre o teu veo.
4Atalaia davídica é o teu pescozo,
ben fornecida de ameas;
mil escudos van dela pendurados,
todas as adargas dos guerreiros.
5Os teus dous peitos son coma dúas crías
xemelgas de gacela,
a pastar nos lirios.
6Ata que sopre o día
e fuxan as sombras
hei subir ó monte da mirra,
ata o cume do incenso.
7Toda ti es belida, miña amada,
non hai en ti lixo ningún.
Ven xa!
8Ven do Líbano, noiva!
Ven do Líbano, baixa!
Deixa o cumio do Amanah,
o cimo do Senir e mais o Hermón,
as covas dos leóns,
o monte das panteras!
Meigallo
9Botáchesme o meigallo, cariño, miña noiva!
Botáchesme o meigallo,
cunha das túas olladas,
cunha das xoias que levas na gorxa!
Mel e favo
10Que belos os teus amores, cariño, miña noiva!
Canto mellores có viño son os teus amores,
e a túa fragrancia ca todos os aromas!
11Un favo a destilar son os teus labios, noiva!
Mel e mais leite hai baixo a túa lingua!
O recendo da túa túnica é recendo do Líbano!
Epigrama admirativo
12Es ti un horto pechado, cariño, miña noiva.
Es ti un horto pechado, unha fonte selada.
Recendo do paraíso
13A túa ramaxe é un paraíso de granados,
cheo de froitos exquisitos.
14Azafrán, canela e cinamomo,
toda madeira de gorentoso fume.
O nardo, a mirra, o áloe,
coas mellores matas de bálsamo.
15Fonte do meu xardín,
manancial de augas vivas que flúen desde o Líbano!
16—Ergue, vento de nordesía!
Ven ti, vento galopante!
Venteade o meu xardín:
que espalle os seus aromas!
Meu xardín, teu xardín
Que veña o meu amigo ó seu xardín,
que coma daquel froito que cobiza!
Currently Selected:
Cantares 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT