Rut 2
2
Rut e Boaz nos terreos
1Tiña Noemí un parente por parte de seu marido, un home honorable, da familia de Elimélec; e chamábase Boaz.
2E dixo Rut, a moabita, a Noemí: —"Déixame ir ó campo, apañar as espigas detrás daquel en quen hei de atopar benquerenza". E respondeulle ela: —"Vai, miña filla!" 3Foi ela e, en chegando, púxose a espigar no agro detrás dos seitureiros. E levouna a súa fada a unha leira do agro de Boaz (o que era da familia de Elimélec). 4E velaquí que Boaz chegou de Belén e díxolles ós xornaleiros: —"Que o Señor sexa convosco!" E respondéronlle: —"Que o Señor te bendiga!" 5E dixo Boaz ó seu criado —o sobreposto ós seitureiros—: —"De quen é esa moza?" 6E respondeu o criado, o capataz dos seitureiros: —"É unha moza moabita, que volveu con Noemí das chairas de Moab, 7e dixo: podo espigar e rebuscar entre as gavelas detrás dos seitureiros? E púxose, e estivo de pé desde esa —pola mañanciña—, ata agora, sen a penas repouso: o que descansou ela na casa foi ben pouco".
8E dixo Boaz a Rut: —"Óesme, miña filla? Non vaias espigar a outro agro, nin tampouco saias deste; máis ben xúntate coas miñas criadas; 9fíxate ben no agro que segan e vaite detrás delas, que xa lles deixo eu dito ós mozos que non che rifen. E, cando teñas sede, vai ás olas e bebe do que sacan os xornaleiros". 10Entón ela abateuse, prostrándose por terra, e díxolle a el: —"Por que atopei benquerenza ós teus ollos, para reparares en min, sendo como son unha estranxeira?" 11E respondeulle Boaz: —"Quedoume ben claro todo o que fixeches coa túa sogra despois da morte do teu home, e como deixaches a teu pai, a túa nai, e a túa terra natal, para vires a un pobo que antes non coñecías. 12Que o Señor bendiga o teu proceder e sexa completo o teu galardón da parte do Señor, Deus de Israel, xa que viñeches ampararte baixo as súas ás". 13E dixo ela: —"Atope eu benquerenza ós teus ollos, meu señor, pois me confortaches e porque falaches ó corazón da túa serva, sen ser eu sequera unha das túas criadas".
14E, ó tempo de xantar, díxolle Boaz: —"Achégate aquí e come do pan, molla o teu codelo no vinagre". Entón ela sentouse a carón dos segadores; el ofreceulle unha espiga torrada, e comeu ela ata fartarse, e aínda lle sobrou.
15Ergueuse ela para espigar e deu orde Boaz ós seus criados, dicindo: —"Que recolla tamén entre as gavelas sen que a rifedes; 16e mesmo habédeslle deixar caer algo das gavelas e permitídelle recollelo, sen lle berrardes".
17Daquela apañou no campo ata o serán e desgranou o que recollera, que resultou ser coma un efah de cebada.
18Ergueuno, e chegou á vila, amosoulle á súa sogra o que recollera; e, de seguido, sacou e deulle o que lle sobrara da súa fartura. 19E díxolle a sogra: —"Onde apañaches hoxe e como fixeches? Bendito sexa o que reparou en ti!" E contoulle á súa sogra de quen apañara, dicindo: —"O nome da persoa con quen traballei hoxe é Boaz". 20E díxolle Noemí á nora: —"Bendito sexa do Señor, pois non esqueceu a súa piedade cos vivos nin cos mortos". E engadiu: —"Ese home é o noso parente, un dos nosos goeles". 21E dixo Rut, a moabita: —"Díxome tamén el: podes andar canda os meus criados, ata que rematen a miña seitura". 22E díxolle Noemí a Rut, súa nora: —"Mellor é, miña filla, que saias coas súas criadas, que non que che rifen noutro agro".
23E xuntouse coas criadas de Boaz para espigar ata o remate da seitura da cebada e da ceifa do trigo, pero moraba onda a súa sogra.
Currently Selected:
Rut 2: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT