Romanos 8
8
A vida no Espírito
1Como consecuencia: nin resto de condenación hai agora para os que están unidos a Cristo Xesús. 2Porque a lei do Espírito, que rexe a vida unida a Cristo Xesús, libroume da lei do pecado e da morte. 3Pois o imposible para a Lei, por estar incapacitada por culpa da nosa condición irredenta, realizouno Deus: mandando, por cousa do pecado, o seu propio Fillo nunha condición semellante á condición do pecado, condenou o pecado nesa propia condición. 4Deste xeito o mandato da Lei pode cumprirse en nós, que non vivimos xa conforme a esa condición, senón conforme ó Espírito.
5Pois os que viven conforme os baixos instintos buscan as cousas dos mesmos, pero os que viven conforme o Espírito buscan as do Espírito. 6A cobiza dos baixos instintos é morte, pero a arela do espírito é vida e paz. 7Porque a cobiza da baixa condición é inimiga de Deus, posto que non se somete á Lei de Deus, nin sequera pode; 8e os que viven conforme tal condición non poden agradar a Deus.
9Pero vós non vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. 10Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. 11Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
12Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela. 13Porque, se vivides segundo a baixa condición, teredes que morrer pero, se coa axuda do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes.
14Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. 15Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ó medo. Non. Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, grazas ó que podemos gritar: "Abbá": Pai! 16Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. 17E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; xa que, se padecemos con el, é para sermos tamén despois glorificados con el.
A gloria vindeira
18Pois penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós. 19Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. 20Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza 21de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
22Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto. 23E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo. 24Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve como o pode esperar? 25Pero, se esperamos o que non vemos, demostramos esperar con constancia.
O Espírito en nós
26Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedir o que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. 27E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
28Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios. 29Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns. 30E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén os xustificou; e a eses que xustificou, tamén lles deu a súa gloria.
O amor de Deus
31Que máis se pode dicir despois disto? Se Deus está connosco, quen contra nós? 32Aquel que non aforrou a seu propio Fillo senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?
33Quen acusará ós escolleitos de Deus? Sendo Deus o que perdoa,
34quen os vai condenar? Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?
35Quen nos pode arredar do amor de Cristo? a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada? 36Porque está escrito:
Por causa túa estamos ás portas da morte o día enteiro, parecemos ovellas listas para o sacrificio.
37Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou. 38Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, 39nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.
Currently Selected:
Romanos 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT