Apocalipse 13
13
1Logo vin subir do mar unha besta con dez cornos e sete cabezas e nos cornos tiña dez diademas e nas cabezas tiña un nome blasfemo. 2A besta que vin semellaba unha pantera pero as patas eran coma as do oso e a boca coma a boca do león. O dragón deulle a súa forza, o seu trono é o seu gran poder. 3Unha das súas cabezas estaba degolada de morte, pero a súa ferida mortal curou. Todo o mundo se admiraba do que lle sucedera á besta 4e adorou o dragón, que tal poder lle dera á besta, dicindo: "Quen será coma a besta e quen poderá facer guerra en contra dela?".
5E déuselle ó dragón unha boca para dicir arrogancias e blasfemias e concedéuselle o poder para facelo ó longo de corenta e dous meses. 6Abriu a súa boca:
para blasfemar contra Deus,
para blasfemar contra o seu Nome,
contra o seu celeste santuario
e contra os que moran nel.
7Permitíuselle facerlle a guerra ó pobo santo e vencelo; e déuselle poder sobre toda tribo, pobo, lingua e nación. 8E todos os habitantes da terra, que desde o comezo do mundo non teñen o seu nome escrito no libro da vida do Año que foi degolado, adoraron a besta. 9Quen teña oídos escoite:
10Se algún está para a catividade,
irá á catividade.
Se algún está para morrer coa espada,
matarano coa espada.
Aquí están a esperanza e mais a fe do pobo santo.
11Logo vin outra besta que subía da terra: tiña dous cornos semellantes ós do año e falaba coma o dragón. 12Exerce, baixo a ollada da primeira besta, a súa completa vontade: fai que toda a terra e os seus habitantes adoren a primeira besta, que curara da súa ferida mortal. 13Realiza grandes milagres, ata chegar a facer baixar lume do ceo á terra, á vista dos homes. 14Descamiña os habitantes da terra cos milagres que se lle permitiron facer diante da besta, dicíndolles que fagan imaxes en honor da besta, que tiña a ferida da espada pero recobrara a vida. 15Concedéuselle á segunda besta poder infundir espírito na imaxe da primeira, para facela falar e para que fixese que todos os que non adorasen a imaxe da besta fosen asasinados. 16A todos, grandes e pequenos, ricos e pobres, libres e servos, ponlles unha marca na man dereita ou na testa 17e ninguén pode mercar ou vender, se non ten a marca, o nome da besta ou o número do seu nome.
18Para isto fai falta a sabedoría: quen teña intelixencia, calcule o número da besta, que é número humano e o seu número é seiscentos sesenta e seis.
Currently Selected:
Apocalipse 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT