Bible App logo
Search Icon

Salmos 94

94
(93) O pago dos soberbios
1Señor, Deus xusticeiro,
Deus xusticeiro, maniféstate;
2xuíz da terra, érguete,
dálles o seu pago ós soberbios.
3Ata que día os malvados, Señor,
ata que día os malvados triunfarán?
4Os malfeitores latrican,
falan con insolencia e xactancia.
5Oprimen, Señor, o teu pobo,
asoballan o teu herdo;
6matan viúvas e estranxeiros,
asasinan orfos.
7Din: —"O Señor non o ve,
o Deus de Xacob non se decata".
8Entendede, xente insensata,
cando teredes xuízo, ignorantes?
9Non vai oír quen plantou o oído?
Non vai ver quen fixo os ollos?
10Non vai castigar quen educa os pobos
e ensina a ciencia ós humanos?
11O Señor coñece ben as ideas dos homes:
verdadeira vaidade.
12Feliz o que ti corrixes, Señor,
e lle ensinas a túa vontade.
13Despois das horas malas dáslle o sosego,
mentres para os malvados se cava unha cova.
14Certamente o Señor non rexeita o seu pobo
nin abandona o seu herdo.
15O xuízo será outra vez xusto
e todos os rectos o gardarán.
16Quen se erguerá por min contra os malvados?
Quen me axudará en contra dos malfeitores?
17Se o Señor non me acorrese,
xa estaría morando no silencio da morte.
18Cando digo: —"O meu pé tremelica",
o teu amor, Señor, sostenme.
19Cando medran as coitas no meu peito,
o teu consolo alégrame o espírito.
20Pode ser aliado teu o tribunal inxusto,
que no nome da lei amaña a opresión?
21Asaltan a vida dos rectos
e condenan os inocentes.
22Pero o Señor é o meu refuxio,
o meu Deus, a rocha onde me acollo.
23El pagaralles a súa iniquidade,
destruiraos na súa mesma maldade,
destruiraos o Señor, noso Deus.

Currently Selected:

Salmos 94: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Salmos 94