Salmos 89
89
(88) O pacto co rei unxido
1Poema de Etán o indíxena.
2Quero cantar por sempre o amor do Señor,
pregoar polas xeracións a súa fidelidade:
3—"Penso que o teu amor está fundado co mundo,
a túa fidelidade asentada cos ceos".
4Co meu elixido firmo unha alianza,
ó meu servo David fágolle un xuramento:
5—"Afincarei a túa liñaxe para sempre,
construireiche un trono duradeiro".
6Os ceos proclaman, Señor, as túas marabillas,
a asemblea dos santos, a túa fidelidade.
7Quen, sobre as nubes, se compararía co Señor?
Quen lle semella entre os seres divinos?
8Deus no consello dos santos é temido,
grande e terrible para canto o rodea.
9Señor, Deus dos exércitos, quen hai coma ti,
cinguido, Señor, de poder e fidelidade?
10Ti dominas a soberbia do mar,
acalas s ondas levantadas.
11Ti esmagas a Rahab coma un cadáver
e desbaratas con brazo poderoso os teus inimigos.
12Teu é o ceo e túa a terra,
o mundo e canto o enche ti o fundaches.
13Ti creaches o norte e o sur,
o Tabor e o Hermón exultan no teu nome.
14Ti tes brazo potente,
a túa man é forte, a túa dereita ergueita.
15Xustiza e rectitude fundamentan o teu trono,
amor e fidelidade marchan ante ti.
16Feliz o pobo que sabe aclamarte
e camiñar, Señor, na luz da túa presenza.
17O teu nome fai a súa ledicia o día enteiro,
a túa xustiza é a súa gloria.
18Ti es, en verdade, a súa gloria e a súa forza,
polo teu favor erguemos nós a testa.
19O Señor é o noso escudo,
o santo de Israel o noso rei.
20Un día falaches así en visión ós teus amigos:
—"Púxenlle a coroa a un valente,
erguín do medio do pobo un elixido;
21Atopei o meu servo David
e unxino con óleo santo.
22A miña rexa man estará con el,
o meu brazo farao forte.
23Non poderán con el os inimigos
nin o abaterán os malvados.
24Eu desfarei ante el os meus adversarios,
ferirei ós que me aborrecen.
25A miña fidelidade e o meu amor irán con el
e no meu nome erguerá a testa.
26Estenderei sobre o mar a súa man,
sobre os ríos a súa dereita.
27El dirame: —Ti es meu pai,
meu Deus, rocha da miña salvación.
28Eu dareille a primoxenitura,
a soberanía sobre os reis da terra.
29Gardareille o meu amor eternamente
e a miña alianza con el será leal.
30Dareille unha posteridade duradeira,
o seu trono sosterase coma os ceos.
31Se os seus fillos abandonan a miña lei
e non se rexen polas miñas decisións;
32se profanan os meus mandatos
e non gardan os meus preceptos,
33eu fustrigarei coa vara os seus delitos
e con azoutes as súas culpas.
34Pero non lles retirarei o meu amor
nin faltarei á miña fidelidade;
35non violarei a miña alianza
nin mudarei o dito dos meus labios.
36Unha vez xurei pola miña santidade
que non mentiría a David.
37A súa posteridade será eterna,
o seu reino durará coma o sol ante min,
38coma a lúa, que está firme por sempre,
signo fiel no alto do ceo".
39Pero ti rexeitáchelo, desdeñáchelo,
incomodácheste co teu unxido;
40rompiches a alianza co teu servo,
profanaches polo chan a súa coroa.
41Derrubaches os seus muros,
convertícheslle en ruína as fortalezas.
42Os que pasan saquéano,
é o riso dos veciños.
43Erguiches a man dos seus adversarios,
alegraches ós seus inimigos.
44Gafáches o fío da súa espada
e non o sostiveches na batalla.
45Tiráchelo do seu esplendor,
botaches por terra o seu trono.
46Acurtaches os días da súa mocidade,
cubríchelo de ignominia.
47Por canto tempo aínda, Señor?
Esconderaste para sempre?
Arderá coma lume o teu furor?
48Recorda cal é a miña duración
e que caducos creaches os homes.
49Que home vivirá sen ver a morte?
Quen librará a súa vida das poutas do abismo?
50Onde está, Señor, o antigo amor
que pola túa fidelidade lle xuraches a David?
51Ten en conta, Señor, a aldraxe dos teus servos,
o que teñen que aturar de todas as nacións;
52os insultos, Señor, dos teus inimigos,
os insultos ós pasos do teu Unxido.
53Bendito sexa por sempre o Señor.
Amén. Amén.
Currently Selected:
Salmos 89: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT