Salmos 42
42
(41) A miña alma ten sede
1Do mestre do coro. Poema dos coreítas.
2Como devece a cerva pola auga dos regatos,
así devece por ti, meu Deus, a miña alma.
3A miña alma ten sede do Deus vivo:
cando verei o rostro de Deus?
4As miñas bágoas son, día e noite, o meu pan,
mentres decote me din:
—"Onde está o teu Deus?".
5Cando diso me lembro,
desafoga comigo a miña alma:
—"Eu marchaba á fronte do pobo
cara á casa de Deus,
entre voces de xúbilo e loanza
de xentío en festa".
6Por que desacougas, miña alma,
e por que andas inqueda?
Volverei aínda a loalo:
a miña salvación, o meu Deus.
7A miña alma esmorece,
e por iso lémbrome de ti,
desde o Xordán, o Hermón e o Misar.
8Un abismo chama a outro
con voces de cachoeira;
as túas cristas e as túas ondas
pasan por riba de min.
9Polo día outorga o Señor a súa axuda,
pola noite cántolle ó Deus da miña vida.
10Direille: —"Miña rocha, por que te esqueces de min?
Por que terei que andar penando,
asoballado polo inimigo?".
11Québranseme os ósos
polas burlas dos opresores,
que decote me din:
—"Onde está o teu Deus?".
12Por que desacougas, miña alma,
e por que andas inqueda?
Espera en Deus.
Volverei aínda a loalo:
a miña salvación, o meu Deus.
Currently Selected:
Salmos 42: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT