Salmos 37
37
(36) Hai un porvir para os xustos
1De David.
Non te alporices por cousa dos malvados,
nin envexes os malfeitores,
2pois axiña secan, coma feo,
murchan, coma a herba.
3Confía no Señor e fai o ben,
vive na terra, practicando a lealdade;
4pon as delicias no Señor:
El darache o que arela o teu corazón.
5Encomenda ó Señor o teu porvir
e confía nel, que El fará:
6El fará saír a túa xustiza coma a luz,
o teu dereito coma o sol do mediodía.
7Descansa no Señor e espera nel,
non te irrites polos que triúnfan
e polos que manexan a intriga.
8Calma a ira, reprime o noxo,
non te irrites: poderías facer mal.
9Os malvados serán certamente destruídos,
mais os que esperan no Señor posuirán a terra.
10Un pouco aínda: xa os impíos non existen,
fíxate no seu lugar: xa non están;
11os humildes, en cambio, herdan a terra
e gozan de paz perfecta.
12O malvado trama o mal contra os xustos
e renxe os dentes contra eles;
13pero o Señor ri das súas contas,
vendo que lles chega o seu día.
14Os impíos desenvaíñan as espadas,
tensan os seus arcos,
para abater os pobres e os humildes,
para lles dar a morte ós honrados,
15Pero a súa propia espada lles atravesará o corazón
e hanse quebrar os seus arcos.
16Vale máis a migalla dos xustos
cá opulencia dos malvados,
17pois ós malvados rómpenlles os brazos,
pero os xustos sostenos o Señor.
18O Señor coida da sorte dos honrados,
a súa herdade é duradeira.
19No tempo da desgraza non quedarán defraudados,
nos días de fame han ter fartura.
20Perecerán en troques os malvados,
murcharán os inimigos do Señor
coma o verde dos prados,
han esvaecer coma o fume.
21O malvado pide prestado e non devolve,
mais o xusto apiádase e fai dons.
22Aqueles que El bendiga posuirán a terra,
os que El maldiga serán exterminados.
23O Señor asegura os pasos do home
que co seu camiño o comprace.
24Non quedará por terra, aínda que caia,
pois o Señor teno da man.
25Fun mozo e agora vou vello,
e nunca vin un xusto abandonado,
nin os seus fillos pedindo pan.
26Apiádase sempre e presta,
e a súa descendencia é loada.
27Fuxe do mal e fai o ben,
e terás casa duradeira;
28porque o Señor ama a xustiza
e non abandona os seus fieis.
Estes perdurarán,
mentres a caste dos malvados é arrincada.
29Os xustos herdarán a terra
e habitarán nela para sempre.
30A boca do xusto deita sabedoría,
a súa lingua fala o que é recto.
31Leva no corazón a lei de Deus,
e os seus pasos non tremelan.
32O malvado axexa ó xusto,
buscando darlle morte.
33Pero o Señor non o deixa da súa man
nin permite que o condenen no xuízo.
34Confía no Señor e garda o seu camiño:
el levarate á posesión da terra
e a ver o exterminio dos malvados.
35Vin o malvado fachendear,
crecer coma o cedro frondoso;
36pasei de novo e xa non estaba,
busqueino e non o atopei.
37Garda a inocencia e gusta do dereito,
pois para a xente de paz hai posteridade,
38mentres os pecadores serán dun golpe exterminados,
a posteridade dos malvados extinguida.
39A salvación dos xustos vén do Señor:
El é o seu refuxio no tempo da angustia.
40O Señor axúdaos e líbraos,
líbraos dos malvados e presérvaos,
porque se acollen a El.
Currently Selected:
Salmos 37: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT