Salmos 35
35
(34) O oprimido espera xustiza
1De David.
Ataca, Señor, ós que me atacan,
combate ós que me combaten.
2Colle escudo e broquel,
érguete para axudarme;
3brande a lanza, failles fronte ós meus perseguidores,
dime: —"Eu son a túa salvación".
4Avergóncense e confúndanse
os que buscan a miña vida;
volvan avergonzados
os que buscan o meu dano.
5Sexan como coaño ante o vento,
e que os axote o anxo do Señor.
6Sexa o seu camiño tebroso e esvaradío,
e que os persiga o anxo do Señor.
7Sen razón téndenme redes,
sen razón cávanme foxos.
8Que lles veña a ruína de improviso,
que os collan as redes que tenderon
e que caian nos foxos que cavaron.
9Eu alegrareime no Señor,
gozareime co seu socorro.
10Dirá todo o meu ser:
—"Señor, quen hai coma ti,
que defendes os humildes dos poderosos,
os pobres e indixentes dos que os desposúen?"
11Preséntanse testemuñas violentas
e interróganme sobre cousas que non sei.
12Páganme mal por ben,
desposúenme de todo.
13Pero eu, cando estaban eles enfermos,
vestíame de saco,
aflixíame co xaxún
e inclinábame na súplica.
14Como por amigos e irmáns andaba de aquí para alí,
como en dó pola nai, estaba triste e murcho.
15Agora, no meu tropezo, alégranse eles e xúntanse:
xúntanse contra min, baten de súpeto,
tronzan nun sen parar;
16profanan e fan burla,
renxen os dentes contra min.
17Canto tempo, Señor, o estarás vendo?
Sálvame a vida dos seus ruxidos,
o meu ben único, dos leóns.
18Eu dareiche grazas na asemblea,
loareite ante a multitude.
19Que non se rían de min os que sen razón me queren mal,
non chisquen o ollo os que sen razón me odian.
20Endexamais non saúdan coa paz,
contra a xente tranquila arman as trampas.
21Abren a boca contra min, para dicir:
—"Vaites, vaites! Vímolo cos nosos ollos".
22Ti, Señor, que ves, non cales,
non esteas lonxe de min.
23Esperta, apúrate, por mor do meu dereito,
meu Deus e meu Señor, por mor da miña causa.
24Xúlgame ti, Señor, meu Deus, conforme a túa rectitude,
que non se rían de min;
25que non poidan pensar: —"Moi ben, iso é o que queriamos",
que non poidan dicir: —"Xa o engulipamos".
26Avergóncense e confúndanse
os que se alegran do meu mal;
cúbranse de aldraxe e deshonra
os que se reviran contra min.
27Que canten e se alegren
os que queren o meu triunfo,
e que poidan dicir: —"Sexa exaltado o Señor,
que quere a paz do seu servo".
28A miña lingua proclamará a túa xustiza
e a túa loanza o día enteiro.
Currently Selected:
Salmos 35: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT